Este desprazamento a terreo encádrase na colaboración establecida entre ambas as dúas entidades para visibilizar o labor da asociación municipalista, principalmente a través dun documento audiovisual. A peza amosará non só os proxectos impulsados no Sur, senón tamén as actividades de sensibilización realizadas no Norte, ademais de explicar que é o Fondo Galego de Cooperación e cales son os seus obxectivos.
Diversos voluntarios e voluntarias profesionais de Agareso están a participar na preparación deste documental, entre eles os reporteiros Miguel Caruncho e Saraih Lago.
Está previsto que se estree o próximo ano, coincidindo coa conmemoración do XV aniversario do Fondo Galego, cunha campaña de difusión que permita achegar á cidadanía os resultados da cooperación descentralizada promovida polas Deputacións e Concellos socios.











