A firma materializarase o sábado 16 de outubro en Compostela, pero antes voluntarios e representantes de organizacións sen ánimo de lucro decidiron realizar un camiño simbólico que os leve cara á agardada sinatura, que supón un compromiso de adicar maiores esforzos á reducción das desigualdades Norte-Sur.
O Pacto Galego contra a Pobreza recolle compromisos concretos para pór en marcha medidas políticas que requiren o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM). Sobre todo, do ODM número 8, que se refire ao compromiso político dos países desenvolvidos na loita efectiva contra a pobreza. Unha loita que pasa por cambiar as políticas estruturalmente inxustas que condicionan as relacións Norte-Sur en materia de comercio internacional, á débeda externa ou á calidade e cantidade da Axuda Oficial ao Desenvolvemento. Precisamente, neste último aspecto, o borrador do Pacto Galego contra a Pobreza compromete aos asinantes a «manter un esforzo en materia de Axuda Oficial ao Desenvolvemento que garanta que, antes do remate de 2017, alomenos o 0´7 % do orzamento consolidado da Xunta de Galicia se destinará á Axuda Oficial ao Desenvolvemento.
Os fotógrafos Pedro Agrelo, Chus Álvarez e Óscar Dacosta; os redactores Gonzalo Brocos, Xurxo Salgado, Montse Fernández e Carmen Novas e o cámara Jorge, todos eles voluntarios da ONGD AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios), acompañarán ás personas que decidiron unirse neste Camiño Polo Pacto durante as seis xornadas de peregrinaxe a Compostela que se desenvolverán entre o 11 e o 16 de outubro de 2010 para transmitir á cidadanía as súas experiencias, motivacións e logros no obxectivo común de lograr un Pacto Galego Contra A Pobreza.
O percorrido do Camiño polo Pacto será o seguinte:
- Luns, 11 de outubro: Sarria - Portomarín.
- Martes, 12 de outubro: Portomarín - Palas de Rei
- Mércores, 13 de outubro: Palas de Rei - Arzúa
- Xoves, 14 de outubro: Arzúa - Pedrouzo (O Pino)
- Venres, 15 de outubro: Pedrouzo (O Pino) - Monte do Gozo.
- Sábado, 16 de outubro: Monte do Gozo - Santiago de Compostela. Esta será a última e máis importante etapa prevista no Camiño e que rematará onde está previsto que se asine o Pacto Galego contra a Pobreza.
| Proxecto |
Camiño Contra a Pobreza |
| Localización | Camiño de Santiago |
| Data | Outubro 2010 |
| Equipo | Pedro Agrelo, Chus Álvarez, Óscar Dacosta, Gonzalo Brocos, Xurxo Salgado, Montse Fernández, Carmen Novas e o cámara Jorge |
| Blog | http://caminocontralapobreza.blogspot.com/ |











