Tres representantes do sector pesqueiro artesanal de El Salvador visitan Galicia esta semana para intercambiar experiencias e escoller as máis exportables ao seu contexto, dentro do proxecto de Cooperación Internacional de pesca sostible que as ONGD galegas Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) realizan no país centroamericano coa financiación da Xunta de Galicia a través das convocatorias abertas de proxectos de cooperación.

Francisco Hirezi, alcalde do municipio salvadoreño de Zacatecoluca, Merlyn Urquilla, alumna dunha escola taller de fabricación de embarcacións e Manuel Antonio Martínez, presidente da cooperativa pesqueira Fecoopaz visitan -dende hoxe mesmo e ata o vindeiro luns- o Porto de Marín, a Illa de Arousa, Vigo, Bueu, Sanxenxo, Corcubión e Compostela. A comitiva visitará desde confrarías de pescadores, centros de formación profesional, centros de investigación acuícolas, até responsables políticos de xestión pesqueira. Esta viaxe xorde ademais como continuidade a dous previos, anos 2012 e 2015, que demostraron ser moi valiosos en tanto que foron a base para iniciar o deseño dunha embarcación específica e adaptada para a pesca no Salvador, que non só é máis sustentable e permite uns mellores resultados, senón que tamén é máis segura e xera emprego xuvenil na escola taller na que se fabrica. O prototipo, financiado polo Agencia Española de Cooperación al Desarrollo (AECID) foi deseñado por CETMAR.

A visita responde as formulacións feitas polas mesmas cooperativas nas diferentes reunións e foros nos que, coñecedoras da envergadura do sector en Galicia, demandaron este intercambio que lles permita coñecer outras experiencias que poidan ser replicables no Salvador. Entre os aspectos que máis lle interesan están, por unha banda, a parte da comercialización dos produtos do mar, moi débil en El Salvador, e as estruturas políticas como sectoriais que a fan posible. Por outra, o intercambio de experiencias cos seus iguais, como son os pescadores artesanais galegos e as mariscadoras. E, por último, ampliar os seus coñecementos no funcionamento do sector acuícola e ecoturístico.

Os tres perfís foron escollidos baixo a premisa que para que iniciativas como a da pesca sostible funcionen é imprescindible coordinación cos poderes locais, fomentar a organización dos pescadores en cooperativas e dotar ao sector da capacidade para producir o que necesitas consumir, neste caso apeiros pesqueiros adaptados ao teu contexto. A visita está organizada polo Centro Tecnolóxico do Mar de Galicia (CETMAR), por ser o actor galego co máis experiencia neste tipo de intercambios, e porque participou xa nesta e noutras fases do proxecto como apoio técnico.

Máis información sobre o proxecto
O proxecto pretende a mellora das condicións técnicas e materiais para o aproveitamento responsable dos recursos eco turístico, acuícolas, pesqueiros e ambientais dos Municipios de San Luís a Ferradura e Tecoluca no Salvador. Obedece a unha lóxica de actuación integral que concibe a actividade pesqueira non só como unha actividade extractiva, senón como unha forma de relación co medio. O sector pesqueiro, despois de dous intercambios cos seus iguais en Galicia, demandou introducir melloras nas súas embarcacións para mellorar a seguridade e navegabilidad. A partir de aquí estableceuse co apoio de persoal experto de CETMAR a pertinencia de iniciar o deseño dunha nova embarcación aproveitando a experiencia que se conta en Galicia. De forma paralela, viuse na súa construción unha oportunidade para cubrir unha carencia formativa no Salvador, onde non existe ningún tramo de formación profesional vinculada actividades náutico pesqueira. Desta maneira pechouse o deseño do modelo de embarcación coa redacción do proxecto definitivo, a construción do berce de madeira que sirva de molde para a súa construción en Poliéster Reforzado de Fibra de Vidro. Para a montaxe da estrutura e comezar coa fabricación da embarcación fíxose un proceso formativo con cinco mozos e tres mozas da zona de intervención, o que entendemos como unha experiencia piloto que replica a experiencia do centro de formación A Aixola que CETMAR xestiona en Marín, e que se espera sexa a base para iniciar o módulo de formación profesional. De forma paralela, vaise a sistematizar o proceso e redactar unha proposta de currículo que será entregada ás autoridades locais para analizar a súa posta en marcha.