O IX Seminario de Xornalismo Social e Cooperación Internacional que organizamos dende a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) dentro do proxecto Escolas sen Racismo concluiu o pasado mes de xuño, coa entrega dos traballos individuais e grupais do alumnado. Compartímosvolos.

GRUPAIS

Clara Presedo, Verónica Couto, Fran Rodríguez e Sofía Daga realizaron Tendas Olvido, unha pequena reportaxe de texto e fotografías sobre tres tendas en Santiago de Compostela. Un traballo sinxelo e ben feito, que aborda a desaparición do pequeno comercio nas cidades a través das historias dos seus propietarios.

Emiliano Cossini, Elena Martín, Clara Coira e Andrea Lago realizaron Adolestreinta, unha reportaxe audiovisual que aborda, a través de entrevistas, a situación laboral e económica que vive unha xeración.

María González, Carmen García, Andrés Vázquez e Tomás Álvarez realizaron Radio refuxiados, un programa de radio baseado nunha serie de entrevistas con diferentes expertos que analizan a crise migratoria que atravesa Europa.

INDIVIDUAIS

Andrea Lago aborda nesta reportaxe audiovisual o tema do feminismo a través de varias entrevistas a pé de rúa.

Carmen García realizou Feminazi, unha curtametraxe de ficción que expón os prexuízos que teñen que soportar as mulleres feministas.

Clara Coira realizou esta curtametraxe documental, onde se mesturan imaxes das manifestacións do 8M con dous testemuños de mulleres maiores.

Claudia Gómez asina a reportaxe audiovisual Empieza mi vida que ten como protagonista a Javier, un mozo participante da entidade IGAXES, que traballa con menores tutelados en Galicia.

Fran Rodríguez realizou a curtametraxe documental Eu mais eu, sobre a soidade no rural.

Sofía Dagá realizou a curtametraxe documental Xerock sobre unha banda de rock galega que integra varios membros con diversidade funcional.

Verónica Couto realizou a reportaxe radiofónica Ataxia, sobre esta enfermidade considerada “rara” e situada en moi poucos lugares do mundo, entre eles a Costa da Morte.

Andrés Vázquez realizou a reportaxe escrita Os rurais, con fotografías complementarias, sobre o despoboamento no rural galego. Aldara Diéguez produciu o artigo Mimosas, sobre a orixe desta planta e os seus perigos como especie invasora. E, finalmente, Tomás Álvarez ofrécenos un ensaio filosófico sobre La condición humana.