As ONGD ACPP (Asemblea de Cooperación pola Paz) e AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) presentan de xeito oficial mañá, xoves 10 de novembro o documental ‘Camiños de Paz. As Outras Voces de Israel e Palestina’. O acto está previsto para as 20.00 horas e irá acompañado por un ágape de comercio xusto.
O documental ‘Camiños de Paz. As Outras Voces de Israel e Palestina’ foi realizado por un equipo de AGARESO que se desprazou a terreo en 2010 (integrada polas redactoras Mar Mato e Luisa Pérez, o cámara Hugo Fernández e o fotógrafo Pelu Vidal) e por un grupo de voluntarios/as da organización en España. A montaxe corresponde a Álvaro Dante e Antonio Grunfeld e o guión a Luisa Pérez, e amosa o traballo que se está a realizar pola defensa dos DDHH en Palestina.
A Campaña de sensibilización ‘Camiños de Paz: As Outras Voces de Israel e Palestina’ ten como obxectivo achegar á cidadanía galega, desde a perspectiva dos Dereitos Humanos e do cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), a situación en Oriente Próximo e o traballo realizado por ACPP, AGARESO e a sociedade civil Palestino-israelí co fin de lograr unha solución pacífica do conflito desta zona.
Ademais do documental, os/as asistentes poderán desfrutar da exposición “Outras voces de Israel”, elaborada dentro deste mesmo proxecto e na que pretende amosar, a través de 6 temáticas esenciais para a construción da paz, o traballo da sociedade israelí e palestina, que, en contra da corrente maioritaria, denuncian as inxustizas e traballan polo diálogo, o reencontro e a cooperación entre ambas partes da sociedade, palestina e israelí.
As temáticas abordadas son: Dereitos Humanos e liberdades individuais e colectivas; Desmilitarización; Convivencia e Diálogo; Educación pola paz; Incidencia política; e Contrainformacion. A mostra recolle o traballo realizado por diferentes equipos de ACPP de toda España nos últimos anos e inclúe algunhas imaxes tomadas polo fotógrafo galego Pelu Vidal durante unha expedición a Israel e Palestina en outubro de 2010.
A mostra estará presente no Casino Mercantil ata o vindeiro martes, 15 de novembro, e poderá visitarse de luns a venres, de 18.00 a 21.00 horas.











