Seis Institutos galegos que forman parte do proxecto de Educación para o Desenvolvemento Cooperacion Galega: O Mundo Que Queremos recibirán durante este mes de abril a visita de dúas mulleres hondureñas que loitan contra a desigualdade de xénero no seu país. O obxectivo deste encontro é que máis de cincocentos alumnos e alumnas de A Coruña, Pastoriza, Marín, Vilagarcía e Brión coñezan de primeira man a realidade dun dos países que recibe o apoio da Cooperación Galega.

Agareso forma parte dende hai catro anos deste proxecto que, xunto con Solidariedade Internacional de Galicia, Educo, Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e o colectivo 100Tolas, leva achegando a realidade dos países do Sur a máis de dous mil mozas e mozos galegos.

Érika García e Diana Guillén son as dúas activistas hondureñas que se achegarán aos centros educativos para compartir cos mozos e coas mozas as súas dificultades, pero tamén os seus éxitos, e para convidalos a ver o mundo dende a súa perspectiva.

Ambas as dúas teñen unha longa traxectoria de militancia feminista, especialmente en movementos estudantís. Imparten formacións e acompañan distintas organizacións de mulleres en Honduras. Érika García traballa con mulleres universitarias desenvolvendo accións artísticas e performances e Diana Guillén forma as mulleres obreiras das maquilas nos seus dereitos sindicais e laborais. Dous perfís moi diferentes, integrados na área de liderazgos do Centro de Dereitos de Mulleres (CDM), unha das mais importantes organizacións feministas hondureñas, recoñecida nacional e internacionalmente polo seu traballo na promoción e defensa dos dereitos humanos e, en especial, das mulleres.

Ademais de realizar charlas nos centros educativos, tamén acudirán ao Seminario de Xornalismo Social da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, impartirán charlas abertas en Pontevedra (na Tenda de Comercio Xusto de Solidariedade Internacional de Galicia, o día 12 ás 19h), en Santiago (na Libraría de Mulleres Lila de Lilith, o día 17 ás 20h) e en Ourense (na tenda de Comercio Xusto de Solidariedade Internacional de Galicia, o día 19 ás 19h) e reuniranse con representantes de Cooperación Galega, financiadores deste proxecto.

Esta é a penúltima fase do proxecto O Mundo que Queremos, no que o alumnado xa recibiu un primeiro taller introductorio sobre as desigualdades Norte-Sur, talleres de radio e fotografía para aprender a utilizar estas ferramentas para facer denuncia social e un taller de teatro foro para reflexionar sobre a problemática migratoria e a desigualdade de xénero. Todo o proceso rematará no mes de maio cunha acción de comunicación que visibilice os problemas que afectan ao seu instituto, barrio ou contorna próxima.

Cooperación Galega: O mundo queremos é un proxecto financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, e que forma parte da plataforma de innovación educativa Plan Proxecta, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.