Alumnado de 5º e 6º do CEIP López Ferreiro de Santiago e do CEIP Pedrouzos de Brión crearon durante este novembro unha campaña publicitaria que, con voz propia, loita contra os estereotipos de xénero desde a infancia. As ANPAS de ambos centros educativos, coa colaboración da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e co financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, levaron a cabo unha serie de obradoiros de educomunicación e xénero nos que o obxectivo final era a creación de produtos publicitarios que rebatan o machismo.

Dividiuse ao alumnado en tres grupos diferentes en cada centro que co apoio de tres persoas especializadas en xénero e comunicación de Agareso reflexionaron, debateron e deconstruíron os conceptos machismas que se transmiten a través da publicidade, os medios de comunicación, a música, a linguaxe radiofónica ou a ficción audiovisual.

Un dos grupos realizou cuñas de radio contra o machismo, que durante a última semana de novembro emitíronse en dúas emisoras de radio de Santiago para que as súas mensaxes transcenderan fóra das aulas. As catro cuñas poden ser escoitadas on line de forma permanente nesta ligazón.

Outro dos grupos creou pezas audiovisuais contra os estereotipos que elas e eles mesmos gravaron, guionizaron e protagonizaron. Todo un reto técnico e conceptual para o alumnado que en dous ou tres sesión foron capaces de realizar sete curtas. Os roles de xénero, os espazos de xogo ou o acoso foron os temas escollidos para crear as súas ficcións. Pódense visualizar todas as curtas, nesta ligazón.

Por último, o terceiro grupo “tuneou” os anuncios que atoparon en diferentes revistas e xornais e que, o seu criterio, contribuían a cosificar o corpo das mulleres. Armados de lapis, cola e tesouras cambiaron as mensaxes machistas por outras máis reivindicativas e irónicas. Despois, a cartelería distribuíuse por diferentes espazos do centro educativo.

Para rematar o proceso leváronse a cabo presentacións dentro dos centros educativos para o propio alumnado participante e para os seus compañeiros e compañeiras.

Neste tipo de obradoiros, baseados nas ferramentas de educomunicación, prima por riba do resultado final o proceso pedagóxico e reflexivo que se xera no alumnado co reto de crear un discurso con perspectiva de xénero e crear produtos comunicativos.

En total participaron neste proceso preto de 200 nenos e nenas e as nais e pais pertencentes ás Anpas, que ademais de todo o apoio organizativo asistiron a charlas específicas sobre como traballar os estereotipos de xénero cos seus fillos e fillas.