Niloufar Banisadr é unha artista iraniana que a pasada primavera participou na exposición Brave (Valente), comisariada por María Díaz de About Art, na zona de celas de mulleres do Vello Cárcere de Lugo. Entre as fotografías amosadas, destacaba unha selección de imaxes inéditas relacionadas coas mulleres iranianas encarceradas en Teherán despois de manifestarse nas rúas da cidade no ano 2009. Aproveitando a presenza da fotógrafa en Galicia, un equipo de vountarios e voluntarias de Agareso falou con ela sobre o papel da muller na sociedade iraniana, sobre as súas propias referentes mulleres, sobre a valentía que daba título á mostra e sobre a complicada relación existente entre censura, liberdade e creatividade, en Irán e en Europa. Velaquí tedes o resultado da conversa:

Niloufar Banisadr naceu en Teherán no ano 1973 nunha tranquila familia tradicional, maiormente relacionada co Sah de Persia. Un dos seus tíos converteuse no presidente electo despois da revolución islámica, pero en menos de dous anos viuse obrigado a exiliarse, algo que marcou en gran medida a vida da familia. Estudou Belas Artes na súa cidade natal, pero axiña se atopou co problema da censura, o que chegou a supor un perigo real para ela e para a súa familia, coa súa primeira serie artística She is light, na que estudaba a relación do seu corpo no espazo arquitectónico. A partir deste momento, e aínda moi nova, foi consciente da falta de liberdade creativa no seu país, sobre todo no que respectaba a ela como artista e como muller, polo que comezou a substituir o seu propio corpo polo dunha cadeira (a cadeira polaca da que fala na entrevista) que a vai a retratar en multitude de lugares e posicións, viaxa con ela polo mundo e chega así a ser unha artista recoñecida no seu país.

Cando Niloufar ten a madurez suficiente e grazas á súa posición social, dunha familia da aristocracia iraniana, despois de viaxar polo mundo, decide buscar a liberdade en Europa e instálase en París. É a partir deste punto cando comeza a traballar máis libremente e gradualmente a liberarse da censura á que fora sometida en Irán e inconscientemente interiorizada nela mesma. Hoxe, a artista iraniana é consciente de que non é 100% libre e, tal e como recoñece no vídeo, sempre coida de ensinar certas obras demasiado explícitas, sobre todo nas redes sociais e na prensa, por medo a represalias contra ela e a súa familia.

A súa obra actual reflicte a súa nova vida en Francia e as súas constantes viaxes ao redor do mundo como artista. Conta a historia dunha viaxe de 15 anos, unha loita entre a liberdade e a censura, a tradición e a modernidade, o íntimo e o universal, oriente e occidente; en definitiva, é unha loita constante e sutil da artista cara á liberdade, desde unha perspectiva estética e contemporánea.

REFERENTES é unha serie de entrevistas coa que as persoas voluntarias de AGARESO queremos nutrir o debate público coas voces de mulleres indispensables para entender distintas loitas e contextos. Dentro da mesma serie podes escoitar, tamén, a conversa que mantivemos coa defensora dos Dereitos Humanos nicaragüense Haydee Castillo.