Onte tivo lugar a oitava sesión do Seminario “Xornalismo Social e Cooperación Internacional” na que o alumnado recibiu a visita de Lucía Mbomío. Esta xornalista é unha das caras visibles de “Aquí la tierra” en TVE, pero os seus labores e a súa vontade de comunicar as inxustizas lévana a embarcarse en mil e un proxectos relacionados coa loita contra o racismo. Colaboradora habitual de blogs como Afroféminas e autora do libro Las que se atrevieron, converteuse nunha das máis importantes representantes da loita afrofeminista.

Foron catro horas de intensa conversa, que a relatora decidiu comezar cunha pregunta, aparentemente sinxela: “Existen as razas?”. A partir desta cuestión, Mbomío debuxou un amplo contexto histórico para deixar constancia de como se foi conformando ao longo dos séculos a convención social que é a raza. Unha charla amena, grazas ao sentido do humor da xornalista, que empregou o seu propio exemplo, como filla de pai guineano e de nai española, para evidenciar que o racismo non está, nin moito menos, superado.

O tratamento erróneo realizado polos medios de comunicación e pola publicidade foise facendo cada vez máis evidente, pero no relatorio tamén houbo espazo para falar de interesantes iniciativas que reivindican, como Lucía Mbomío, unha igualdade real, non só nos medios, senón en todos os ámbitos. Desigualdades que se ven aínda máis acentuadas cando ademais de non ter a pel branca es unha muller.