Son menores e mozos que non contan con apoio familiar, ou chegaron doutros países sen a compaña dun adulto ou que, polas súas circunstancias vitais, vense empurrados a abandonar a escola e privados de oportunidades de futuro.
Para traballar coa maior calidade nas necesidades destes rapaces, Igaxes3 e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) poñen en marcha o Máster en Intervención e Emancipación de Mozos/as en Conflito Social.
A titulación está destinada a formar especialistas no traballo a prol do empoderamento destes mozos e mozas, para que eles sexan protagonistas na toma diaria de decisións no camiño cara á emancipación e a integración real na sociedade.
O Máster contará coa presenza de numerosos especialistas de distintas universidades do estado e profesionais especializados no ámbito da xuventude e a autonomía.
Os docentes responsables deste módulo inicial serán Ángeles Luengo, catedrática de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxicos da USC e especialista en Psicoloxía Clínica; Luís Barreiro, doutor en Dereito Constitucional, profesor da Escola de Traballo Social da USC e presidente de Igaxes3; e Miguel Melendro, doutor en Educación pola UNED e investigador especializado en estratexias educativas con adolescentes e mozos en dificultade social.
Admisión e matrícula
As 25 persoas admitidas deben formalizar a súa matrícula non máis tarde do 5 de outubro. Aquelas persoas que se inscribiron fóra de prazo ou aínda desexen solicitar praza quedarán á espera de posibles vacantes unha vez rematado o prazo de matrícula.










