Abrimos o prazo de preinscrición para participar na formación práctica gratuíta Narrativas Dixitais e Educación para o Cambio Social que organizamos o vindeiro 9 de xuño, na Unitaria de Compostela, dentro do proxecto Epdlab.

Serán 8h homologables para docentes en activo nas que exploraremos as narrativas contemporáneas e descubriremos o seu potencial para traballar a Educación en Valores e a Educación para o Cambio Social nas aulas, así como para fomentar a reflexión colectiva en entornos educativos. Coñeceremos estratexias e boas prácticas para introducir apps, multimedia e redes sociais no traballo con contidos ao redor da xustiza social, a inclusión, a sustentabilidade, a convivencia e o desenvolvemento.

Será o sábado 9 de xuño de 2018, en horario de 10h a 14h e de 16h a 20h, na Unitaria de Santiago de Compostela. Só hai 25 prazas e teñen prioridade as e os docentes de secundaria e bacharelato en activo, de todo os corpos e especialidades. A preinscrición está aberta, a través deste formulario.

Traballaremos as seguintes competencias profesionais
Educador/a guía no proceso de ensino-aprendizaxe. Acción titorial e atención á diversidade
Membro dunha organización. Xestión e promoción de valores e convivencia, compromiso persoal e ético
Investigador/a e innovador/a. Investigación formativa. TAC. Alfabetización mediática e informacional

Achegarémonos aos seguintes contidos
Educomunicación e competencia mediática como elementos transversais no ensino: características do modelo comunicativo, de consumidores a prosumidores, aprenidzaxes P2P e educación expandida, rol docente na contorna dixital.
Narrativas dixitais: memética e viralidade, vinculación emocional, aprendizaxe significativa, folclore e cultura popular.
Integrar as app na aula para a educación en valores: memes e gifs contra o racismo, dobraxes pola igualdade de xénero, textos animados e comunicación en positivo, contrapublicidade e comunicación alternativa en favor da xustiza social.
Exemplos de boas prácticas: análise de unidades didácticas do proxecto EpdLab. Recursos empregados, temporización, materiais necesarios, dificultades e oportunidades.
Práctica de integración das ferramentas multimodais nunha unidade didáctica: deseño grupal, seguemento e avaliación da mesma.

Esta formación conta co apoio de Cooperación Galega, dentro da Convocatoria de Subvencións da DXREeUE para Proxectos de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, e coa aprobación provisional da homologación das horas lectivas por parte da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.