Foi un gran ano este 2017 para as agaresinas e os agaresianos. E afirmamos con certo convencemento que non foi froito da boa ventura, senón dunha estratexia de fortalecemento interno e dunha planificación estratéxica que nos custou acadar, pero que -finalmente- acadamos.

Sempre é complicado escribir de nós mesmos, sobre todo para resaltar as virtudes. Nós, e falamos tanto de Agareso en concreto como do sector da comunicación en xeral, estamos máis afeitos á crítica. Pero hai momentos nos que o máis san é recoñecer o esforzo e celebrar o conseguido. Sen perder de vista, por suposto, a tremenda responsabilidade que conleva a chegada á madurez dunha organización como Agareso, que no 2018 cumpre 10 anos. Pasamos da infancia -na que a inocencia nos permitiu crer que todo era posible- á adolescencia -na que os impulsos nos fixeron cometer algúns erros necesarios- e chegamos, por fin, á reconstrución da identidade que supón a chegada á idade adulta.

Agareso vai cumprir a súa propia maioría de idade este 2018 e, por iso, este ano está marcado no almanaque como a data clave para consolidar de forma definitiva o noso proxecto de organización. Un proxecto estratéxico con 3 claves interdependentes:
– O fortalecemento interno: pasando de 3 postos de traballo a 6, conformando unha Xunta Directiva estable e volvendo crear equipos de voluntariado saídos principalmente das accións formativas na universidade. Un equipo profesional e humano que sinte Agareso como parte de si. E é que unha organización pequena, periférica e sectorial como a nosa non pode sobrevivir se as persoas que a integran non sinten a organización en primeira persoa do plural. Un nós que implica, sobre todo, que os éxitos e os fracasos, os acertos e os erros son colectivos. Esa sensación de equipo fai que todos os atrancos merezan a pena.
– A diversificación da financiación: ampliando capacidade de xestión económica con proxectos financiados pola Xunta de Galicia (dous proxectos de Cooperación exterior e tres proxectos de Educación para o Cambio Social en Galicia), pola Fundación La Caixa (proxecto de acción social) e polo Concello de Santiago (proxecto de cooperación exterior).
– O traballo en rede: Agareso procurou sempre unións estratéxicas que nos permitiran aprender, medrar e fortalecernos mutuamente. A relación máis estable e sen a que non se entendería tampouco a evolución da nosa organización é a que mantemos con Asemblea de Cooperación pola Paz desde o 2010 e que este ano nos levou a ter tres proxectos en común. Pero este ano a rede estendeuse e temos proxectos coa Fundación Secretariado Xitano, con Solidariedade Internacional de Galicia e con Arquitectura sen Fronteiras. E incorporamos accións puntuais en proxectos de InteRed, Entreculturas, Solidariedade Internacional de Galicia e a Coordinadora Galega de ONGD. Capítulo aparte merecerían os nosos compañeiros e compañeiras de Latinoamérica, como a Fundación Comunicándonos, AMARC e o Instituto de Acción Comunitaria. Quen mellor ca eles para definir a nosa relación:

Comeza 2018. Botamos a vista atrás e sentimos orgullo do noso pasado. Botamos a vista cara adiante e reafirmámonos no noso obxectivo: conseguir cambios sociais para construír unha sociedade máis xusta. Un proxecto que só pode ser colectivo, organizado e expansivo. Por iso, encaramos este 2018 xunto a vós, orgullosas de formar parte dunha sociedade civil organizada e aferradas á nosa propia utopía, que a comunicación sexa unha forma de xerar e garantir os cambios sociais.