Un equipo de Agareso conformado polo profesor e documentalista Xes Chapela e pola coordinadora técnica da organización, Lorena Seijo, desprazáronse a República Dominicana para realizar formacións sobre audiovisual e igualdade de xénero para estudantes da escola pública do batey Monte Cristi.

Os bateyes son comunidades creadas ao redor dos enxeños azucreiros para que os cortadores de cana, gran parte deles de ascendencia haitiana, estivesen o máis preto posible dos seus postos de traballo. Pero a proximidade non parece suficiente cando non se ten acceso ao máis básico como saúde, educación, vivenda e saneamento. Debido a que nestas comunidades non se estaban respectando os dereitos humanos dos seus habitantes, a noso socio local o Instituto de Acción Comunitaria (IDAC) e a nosa socia en Galicia Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) comezaron a intervir con proxectos de cooperación para facilitar o acceso a estes servizos mínimos e para potenciar a organización comunitaria. O obxectivo principal é xerar as condicións e capacidades necesarias para que a propia poboación desfavorecida poida pelexar os seus dereitos e contribuír ao seu desenvolvemento.

Este 2017 Agareso entrou a formar parte do proxecto de desenvolvemento de vivenda digna e igualdade de xénero financiado por Cooperación Galega e realizado no municipio de San Pedro Macorís, pero cun obxectivo máis transversal de sensibilización e incidencia a través de talleres de educomunicación e o fortalecemento das emisoras comunitarias.

A situación de violencia machista en República Dominicana é grave e as campañas de sensibilización moi escasas, ademais de que o propio Estado está moi lonxe de poder garantir a seguridade das mulleres no proceso de denuncia dunha agresión. Este ano máis de 200 mulleres foron asasinadas polas súas parellas.

O 13 de novembro chegamos ao país para levar a cabo a primeira fase, e deixar organizada a segunda, na que se formará en radio e xénero a mozos do Liceo de Ramón Santana, e crearase un equipo para desenvolver programas de radio no Centro Tecnolóxico Comunitario. Durante 5 intensos días de formación compartimos reflexións, debates, coñecemento e experiencias cun grupo de 40 mozos e mozas da escola Monte Cristi, de 12 a 16 anos, que cursan os últimos anos de formación obrigatoria.

A primeira xornada de formación estivo baseada en desmontar prexuízos de xénero, en reflexionar sobre a realidade das e os adolescentes do batey, e en coñecer mellor ás aspiracións e soños do noso alumnado. Durante a segunda xornada descubrimos cales son as expresións máis habituais do machismo, desde a falta de respecto, o control, a cosificación da muller ata a máis evidente que é a violencia de xénero. Unha vez identificado o machismo, pasamos a falar de feminismo e das alternativas que todas e todos temos para combater a desigualdade de xénero, tanto en nosas propias relacións persoais como na nosa escola ou o noso barrio.

Na terceira sesión descubrimos que, aínda que moita da música que escoitamos e bailamos ten claras expresións machistas, é posible atopar cantantes e grupos feministas latinoamericanos. Escoitamos letras de rap e reguetón feministas, bailámolas e puxémonos a compor as nosas propias letras. Durante a fin de semana, os mozos e as mozas, divididos en grupos de traballo, crearon as súas propias composicións para os videoclips e curtametraxes.

Na cuarta sesión tocou a quenda da rodaxe, a parte máis emocionante. Ensaios, cambios de roupa, elección de localizacións… todo un balbordo para o centro educativo. Aínda que o espazo e as condicións técnicas eran limitadas, todos e todas conseguiron gravar as súas pezas en tempo récord.

Unha vez xa tiveron gravados os seus vídeos, o profesorado realizou a montaxe, e eles preparáronse para verse na pantalla grande fronte ao resto dos seus compañeiros e compañeiras. Avergoñáronse, emocionáronse, enorgullecéronse… ouvíndose, véndose e finalmente, convencéndose de que tamén elas e eles teñen moito que achegar á loita, aínda que ás veces as grandes dificultades que afrontan no seu día a día fágalles crer que soñar e pelexar polo que queren non merece a pena.

Nós fómonos, pero a historia segue, e o profesorado do centro ten entre as súas tarefas pendentes organizar unha presentación dos traballos para os pais e nais do batey, para que a mensaxe do alumnado transcenda as aulas.