O vindeiro luns, día 16 de decembro, estreamos na Sala Numax de Santiago de Compostela En deuda con todas, un documental social cun obxectivo político: chamar a atención sobre a vulneración de dereitos que sofren as mulleres salvadoreñas e contribuír, así, á loita dos colectivos feministas que -dentro do país centroamericano- esixen unha lexislación que non vulnere os dereitos humanos da metade da poboación e que garanta o acceso a unha saúde sexual e reprodutiva libre de prexuízos ideolóxicos. Especialmente, para as nenas e as adolescentes máis vulnerables. Nos 60 minutos que dura a peza audiovisual, o relato sostéñeno as súas propias protagonistas, desde ambos os lados dos muros do cárcere, lembrándolle ao mundo que despenalizar o aborto cando a vida e a saúde da nai corren perigo é tamén unha loita pola vida.

No documental escóitanse as voces de dúas mulleres privadas de liberdade, que falan desde o cárcere, e de catro mulleres ex-privadas de liberdade, que falan desde o outro lado dos muros da prisión sobre o seu compromiso co activismo pola despenalización do aborto no país. Tamén de dúas das avogadas e das responsables dos colectivos feministas que están a loitar para que “As 17 e máis” recuperen a súa liberdade, dun catedrático de Dereito Penal na Universidade Centroamericana “José Simeón Cañas” e de dúas deputadas da Asemblea Lexislativa do Salvador, do FMLN e de ARENA. En deuda con todas tamén ofrece a opinión da que foi durante cinco anos coordinadora da Unidade de Saúde Sexual e Reprodutiva do Ministerio de Saúde de El Salvador, dunha gineco obstetra da Unión Médica pola Saúde e a Vida das Mulleres cuxa propia vida correu perigo por un embarazo ectópico e da responsable da Unidade de Atención a Nenas e Adolescentes embarazadas, que protagoniza un dos momentos máis esclarecedores do documental.

O Estado salvadoreño”, recorda a ex-privada de liberdade e activista Teodora Vásquez, “está endebedado coas mulleres do seu país”. E desde as ONGDs galegas AGARESO e ACPP -produtoras do documental- engaden que quen, sabéndoo, non esixe o pago desa débeda convértese en cómplice. “As nenas, as adolescentes e as mulleres salvadoreñas están en triplo risco”, explican, “primeiro, de ser violadas, que o seu agresor quede impune e que a sociedade as xulgue a elas; segundo, de ser obrigadas a vivir embarazos e partos que poñan en risco a súa propia saúde e maternidades a idades tan temperás como os 10 ou 12 anos; e, finalmente, se algo sae mal durante o embarazo ou o parto e sofren calquera tipo de emerxencia obstétrica extrahospitalaria, as mulleres salvadoreñas sofren situacións como as vividas polas 17 e máis, condenadas a décadas de prisión tras a morte inesperada dos seus bebés”.

Os responsables de En deuda con todas. Unha historia sobre a penalización do aborto no Salvador son o vigués Roi Guitián e a sevillana afincada en Moaña María Lobo, que contaron co apoio na documentación e na produción executiva da luguesa Sonia Díaz e da vilagarciá Lorena Seijo. As ONGDs galegas AGARESO (Asociación Galega de Comunicación para ou Cambio Social) e ACPP Galicia (Asemblea de Cooperación para a Paz) produciron este documental co apoio financeiro da Xunta de Galicia, a través de Cooperación Galega, e coa colaboración de APROCSAL (Asociación de Promotores Comunais Salvadoreños), a Agrupación Cidadá pola Despenalización do Aborto e a Colectiva Feminista para o Desenvolvemento Local.

En deuda con todas estreouse o 19 de novembro en San Salvador e estrearase en España o 16 de decembro, ás 19h30, na sala Numax de Santiago de Compostela. A entrada será gratuíta, até completar o espazo. A partir do mesmo 16 de decembro, a peza está a disposición de todos aqueles colectivos que queiran organizar proxeccións e debates e axiña, advirten as súas creadoras, estará tamén dispoñible para a súa visualización on-line, xa que o obxectivo é contribuír á incidencia política e social dos colectivos que loitan polos dereitos das mulleres salvadoreñas.