O Milladoiro ten unha gran diversidade cultural. No seu IES estudan rapaces e rapazas con orixes, culturas, relixións e mesmo idiomas diferentes. Isto convirte este centro no escenario perfecto para os obradoiros de Escolas sen Racismo, un proxecto que xorde para combater precisamente as situacións de racismo, violencia e discriminación que poden aparecer agora que as escolas europeas teñen un alumnado máis mestizo e cultural.

O proxecto Escolas sen Racismo, Escolas pola Paz e polo Desenvolvemento naceu en Bélxica e actualmente está xa presente en Holanda, Austria, Alemaña e, dende 2001, tamén en España onde colaboran máis de 250 centros. Co paso dos anos, Escolas sen Racismo converteuse nunha rede europea de centros educativos comprometidos coa loita activa contra as actitudes xenófobas e na defensa de valores como a igualade de dereitos, a paz e o diálogo dende o ámbito que máis inflúe sobre a futura cidadanía: a educación.

As Escolas sen Racismo galegas inclúen, grazas ao labor da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a Asamblea de Cooperación pola Paz (ACPP), obradoiros de Comunicación para o Desenvolvemento que poñen nas súas mans diferentes ferramentas clásicas de comunicación, radio e a TV, e unha nova filosofía, a Comunicación de Guerrilla, e anímanos a cultivar, a través delas o xornalismo cidadán.

Neste caso, un grupo de alumnos e alumnas de 2º e 3º da ESO asisten a un taller de vídeo documental. Ao longo das seis sesións de formación, o asistentes non só están a aprender os contidos técnicos básicos necesarios para a realización dunha curta documental, senón tamén como o seu propio barrio traballa pola integración a través da Rede de Milladoiro, tema central do vídeo que están a desenvolver.

Os alumnos traballan en torno as labores realizadas pola Rede de Milladoiro, unha organización que aglutina varias institucións que operan no barrio – centro de Saúde, Garda Civil, distintas ONG´s etc. – e que ten o seu centro neurálxico no propio instituto. A través de varias entrevistas con membros destas institucións, os alumnos e alumnas do obradoiro amosarán, a través dun vídeo, o traballo realziado por esta rede para mellorar o barrio de Milladoiro.