EpdLab é un proxecto de educación para o desenvolvemento levado a cabo por Agareso en varios centros educativos galegos, co obxectivo de educar en valores e a incrementar o pensamento crítico dos rapaces e rapazas dos diferentes centros.
Este proxecto deu comezo no ano 2015 nos centros Ies Carlos Casares de Vaian do Bolo, IES A Cachada de Boiro, IES Milladoiro en Ames, Ies A Sangriña e CPI Navia de Suarna no concello de Navia. Este 2016 incorpórase a esta experiencia o IES Pintor Colmeiro de Silleda.
Todos estes centros foron seleccionados pola súa heteroxeneidade xeográfica, pero tamén pola aceptación por parte da directiva e formadores do centro dos nosos obradoiros, sendo a súa implicación eixo fundamental do éxito do proxecto.
Epdlab organízase en torno a 9 obradoiros que combinan a profundización nunha das temáticas seleccionadas para o curso coa formación en diversas ferramentas de comunicación dixital.
As temáticas van dende o medio ambiente ata a igualdade de xénero, pasando polas linguaxes inclusivas e a detección de prexuízos. As ferramentas utilizadas son as redes sociais e a creación de contidos adaptados: memes, gif’s, videos, que son creados na aula polos rapaces e rapazas e compartidos na web do proxecto.
Os obradoiros combínanse cunha xornada na que se fai chegar aos alumnos e alumnas videocartas enviadas por rapaces e rapazas da súa idade dende o Salvador. Nestas videocartas uns e outros intercambian impresións sobre o seu dia a día e a súa visión de diversos temas tocados no resto dos obradoiros. No 2015 foron enviadas por alumnos e laumnas do IES Tecoluca e na segunda edición recibirán as mensaxes dos voluntarios da Radio Itzcanal, socio de Agareso noutro proxecto.
O proxecto compleméntase cunha oferta aberta de capacitación a formadores e voluntarios, para poder compartir con eles a nosa experiencia e coñecementos. Esta formación será anunciada na nosa web e redes sociais.
Os materiais utilizados no proxecto así como unha guía didáctica do mesmo están dispoñibles na súa web.
Web: http://www.epdlab.gal/
Epdlab en youtube: https://www.youtube.com/chann
- Ámbito territorial: Galicia
- Data: Proxecto Actual
- Outras ligazóns: https://www.youtube.com/channel/UCb_vcF5YRsG6gUuOYLGSOWg
- Parcerías: Centros educativos
- Principal Financiador: Xunta de Galicia
- Web do proxecto: www.epdlab.gal/