Dentro da organización encárgase, entre outras tarefas, de todo o relacionado coa comunicación, cun obxectivo claro, dar visibilidade ao traballo que ESF realiza tanto dentro coma fóra da comunidade galega.
Pregunta. Como coñeciches a ONGD Educación Sen Fronteiras?
Resposta. Coñecín esta ONGD grazas a unha compañeira de máster, cando nos encontrabamos en Perú realizando as prácticas do mesmo. Unha vez de regreso a Vigo púxenme en contacto co delegado da ONG en Galicia e desde o primeiro momento comezamos a traballar conxuntamente para dotar dunha maior visibilidade á entidade en todas as áreas posibles.
P. Por que elixiches esta ONGD para facer voluntariado?
R. Pois basicamente porque coido que a educación é a base de calquera proceso de transformación do sistema actual. Ademais, en ESF apóstase por unha educación popular baseada en que todos temos algo que achegar. Todas as persoas posúen capacidades que poden ensinar a outras persoas e que lles poden resultar moi útiles na súa vida. E é esa visión a que máisme gusta , xa que moitas veces aquí temos interiorizado que a educación é algo vertical, formal, académica, e parece que sempre somos nós os que temos que ensinar e os países receptores da cooperación os que teñen que aprender. Considero que é aquí nos países desenvolvidos onde máis temos que comprender e aprender para variar o noso comportamento.
P. En que consiste a túa colaboración en ESF Galicia?
R. Desde que comecei a colaborar con ESF fai máis ou menos 1 ano, tiña claro que un déficit que teñen a maioría de organizacións sociais é saber contar o que fan. Creo que a gran maioría da sociedade segue sen comprender nin visualizar o traballo que realizan os axentes de cooperación internacional, e por iso desde o principio busquei que ESF conseguise ter unha maior visualización social. Reforzando as canles tradicionais, intentando que a entidade tivese un maior espazo nos medios de comunicación e creando novas canles de contacto, como por exemplo Facebook. En primeiro lugar creouse o perfil galego, o cal tivo un gran éxito, estando preto xa do seu límite de capacidade. Agora estamos elaborando o Facebook a nivel estatal para seguir medrando por esta vía de comunicación. Ademais deste traballo tamén intento axudar á organización en todo o que podo e sobre todo nas actividades relacionadas con educación para o desenvolvemento, como charlas en centros educativos, montaxe de exposicións, roldas de prensa, etc.
P. Ademais de ti, a asociación conta con máis voluntarios?
R. Actualmente contamos cun grupo de sete voluntarios que nos acompañan no noso traballo de educación ao desenvolvemento en Galicia. Tamén temos un pequeno grupo territorial en Santiago de Compostela. Existe moi bo ambiente entre os compañeiros e iso nótase á hora de realizar as actividades, como por exemplo, a feira solidaria de Cangas.
P. Que actividades e proxectos estades desenvolvendo actualmente en ESF Galicia?
R. A actividade na delegación galega é frenética. Lideramos o proxecto da Campaña Mundial pola Educación en Galicia, formado por un consorcio de ONG (Axuda en Acción, Entreculturas, Mozos e Desenvolvemento, InteRed, Seminario Galego de Educación para a Paz e nós). Contamos con varios proxectos de cooperación internacional en países como Perú e O Salvador, nos que colaboramos con Arquitectos sen Fronteiras e Bicis pola Paz. Realización de exposicións, charlas, traballo en rede, sobre todo dentro da Rede Social Galicia Sur, son o día a día da organización en Galicia. Non obstante, unha das actividades principais de ESF Galicia é a de acudir aos centros educativos para realizar actividades de sensibilización co alumnado da área metropolitana de Vigo.
P. Cal foi a maior recompensa que tiveches como voluntario?
R. A parte de maior recompensa de todo o traballo realizado con ESF é sen dúbida o traballo cos nenos nos centros educativos. Eles son o futuro, teñen toda a vitalidade que lle falta a nosa sociedade e certa inxenuidade que lles fai ser quen de imaxinar que as cousas poden ser distintas. Que un neno che pregunte, que podo facer eu para mellorar esta lea?, é sumamente gratificante.
P. Consideras que o voluntariado é algo coñecido pola sociedade galega ou aínda queda moito camiño por facer?
R. Coido que o concepto voluntario está moi afastado da sociedade, e en parte entendo este afastamento, xa que é un concepto tan amplo, que abarca tantos campos, que é complicado debullalo correctamente. Hoxe en día calquera macroevento organizado por calquera institución nútrese de voluntarios que fan unha acción específica na organización. Eu non estou moi a favor deste tipo de voluntario, coido que o concepto de voluntario é moito máis amplo, é a capacidade de achegar unha habilidade persoal a unha entidade ou a outra persoa que non posúe esta habilidade e poder compartila para a mutua aprendizaxe.
P. Que lle dirías a unha persoa que se está propoñendo ser voluntaria para animarlle a vivir esta experiencia?
R. Desde a miña óptica, diríalle que ser voluntario de ESF Galicia serviume para vivir experiencias e coñecer persoas que quizais nunca podería coñecer. O fluxo de aprendizaxe foi brutal estes meses. O simple feito de compartir un café con Arcadi Oliveres, ou poder escoitar a Jacu e Antonio (coparte peruana de ESF) e falar do seu traballo nos Andes, ou estar presente no acto de Tui da Campaña Mundial pola Educación, no que dous centros educativos deron un verdadeiro exemplo de convivencia reclamando o dereito universal de educación para todos os nenos do planeta, fai que todo o traballo e esforzo se vexa recompensado sobradamente.











