Que cambiou en Colombia dende que goberna Juan Manuel Santos?
Moitas cousas cambiaron de cara á galería. Santos mellorou as relacións con Venezuela ou Ecuador e tratou de diferenciarse do seu antecesor, Álvaro Uribe. Santos é un estratego e leva un ano no mandato prometendo cousas aos dun lado e outro. Colombia estase a converter nunha pota a presión, porque un día terá que decantarse por uns e todo estalará.
Seguen aparecendo moitos escándalos de corrupcións e violacións dos DD.HH. do anterior período
Lamentablemente non. Santos dedícase agora a tapar os trapos sucios de oito anos de mandato de Uribe. Un exemplo claro son os falsos positivos ou o DÁS. Despois de que se destapase o escándalo das Chuzadas ou escoitas ilegais. Santos só puido pechar o departamento porque el era ministro de Defensa cando se ordenou a espionaxe. Agora ten medo de que moitos cargos intermedios falen.
Escoitas que moitas veces chegaban ás mans dos sicarios.
En efecto. Sindicalistas, opositores e avogados foron asasinados por denunciar as comisións dos políticos, os abusos do poder e os seus acordos cos narcotraficantes. Eu saín do país despois de que intentasen matarme e tras repetidas ameazas. Agora levo algúns casos de desaparecidos e desprazados forzosos, pero dende España.
Os defensores dos Dereitos Humanos en Colombia sufriron un duro revés no proceso de Mapiripan.
Si. Resultou que despois da sentenza que condenou varios militares pola matanza, os familiares dalgunhas vítimas se retractaron dos seus testemuños. A matanza produciuse co consentimento dun xeneral, para o que agora a Procuraduria -a Fiscalía- pide de oficio unha rebaixa da condena. Non actuou de oficio ante as mortes pero se para axudar aos que perpetuaron os asasinatos. E o peor é que o Goberno está a usar este caso para desacreditar outros nos que se violaron claramente os Dereitos Humanos.
Ao igual que noutros conflitos armados, a desmobilización dos guerrilleiros e paramilitares non parece ser o final do problema.
Desgraciadamente pasarán moitos anos ata que nalgunhas rexións poidan convivir vítimas e verdugos. O Goberno estache a pedir que te sometas ás leis e perdoes o home que matou o teu pai, cando foi precisamente o Estado quen non fixo nada ante o seu asasinato. Ademais, a desmobilización como tal é unha quimera. Moitos grupos, abrigo paramilitares, seguen igual pero con diferente patrón e entregaron ata armas de xoguete no proceso.
Mellorou a corrupción dentro dos órganos de poder?
É verdade que se procesaron a moitos congresistas, gobernadores e secretarios que se lucraron da súa posición, pero queda moito por facer. Non só polo que se fixo, senón polo futuro. Nas eleccións, custa saber se un candidato está sendo apoiados por narcos así que ninguén confía en ninguén.
Falando das pasadas eleccións rexionais, está realmente Uribe rematado politicamente?
Fíxome moita graza que os medios europeos titulasen que as urnas castigaban ao ex presidente. É o que quixo que pensemos. Uribe está molesto con Santos porque non seguiu as súas políticas, pero entre eles aínda hai moito que tapar. Non son inimigos. O que fixo o ex presidente é apoiar candidatos que quería que perdesen para beneficiar ao seu verdadeiros amigos.
A política do divide e vencerás?
É o que sucedeu no Val do Cauca. Os conservadores e liberais íanse unir para gobernar deixando de lado a Héctor Useche, sospeitoso polos seus vínculos coa parapolítica. O que fixo Uribe foi ofrecer o seu apoio a Jorge Homero, o conservador, que se deixou arrastrar pola ansia de poder e rompeu a alianza con Ubeimar Delgado. Repartíronse os votos e Useche saíu vencedor. Iso si, non creo que remate o mandato.
En Bogotá, onde gañou o ex guerrillero Gustavo Petro, non optou por esa estratexia.
É escenario da capital era moi diferente. Estaba Petro, Gina Parody e Enrique Peñalosa. O primeiro foi guerrilleiro e a segunda renegou de Uribe no seu primeiro mandato. Só quedaba Peñalosa e poucas papeletas para gañar. Rumoreouse ata que podería chegar a presentarse o propio Uribe como alcalde. Pero entón perdería a inmunidade presidencial e ten unha longa lista de procesos pendentes, mesmo en EUA.
Ademais do conflito armado e a corrupción, Colombia ten outros problemas sociais.
Santos leva pouco máis dun ano no poder, non fixo nada e pensa na reelección. Hai proxectos para privatizar a educación pública, a situación da sanidade é crítica, os nenos aprenden que o diñeiro rápido é mellor que os estudos e iso fomenta a pobreza. O Goberno baixou o albor de ingresos ata os 190.000 pesos (80 euros), para facer parecer que o país prospera pero é imposible vivir dignamente nin co salario mínimo (preto de 220 euros).
Este verán, a senadora e mediadora coas FARC, Piedad Córdoba, decidiu marchar do país. Foi froito das ameazas?
É unha muller valente, pero sofre moitos ataques en Colombia. Acusárona de paramilitar, de proguerrilla, de traizoar a patria. Ata que a destituíron. Os narcos e os corruptos levaban anos desexando que marchase do país, xa que o seu asasinato tivese sido unha noticia internacional que non lles tivese vido ben.
Pensas en volver a Colombia?
Deixar todo atrás é moi duro. Alí tiña unha posición como avogado e unha rede de contactos como defensor dos Dereitos Humanos que perdín. Levaba uns meses pensando en volver, ata outubro. En só un mes mataron tres compañeiros meus. Só na miña rexión, o Val do Cauca, mataron 84 avogados nunha década. Matar en Colombia segue saíndo moi barato.











