Por iso A Cova da Terra, Amigos da Terra, Intermón Oxfam, Panxea e Taller de Solidariedade decidiron que no seu encontro “As mulleres alimentan o mundo”, que se celebrá en Lalín os días 25 e 26 de marzo, e ao que acoden mulleres rurais de toda Galicia teñan un protagonismo especial mulleres chegadas de Nicaragua, Sri Lanka ou Guinea Bisau.
Ademais estas mulleres levarán a cabo encontros cos voluntarios das ong galegas para explicarlles como cambiou a vida das comunidades ás que representan grazas ás boas prácticas do comercio xusto. A primeira charla tivo lugar este martes na sede de Panxea, en Santiago de Compostela, e a ela acudiron a contar a súa experiencia Eva Pineda de Aldea Global (Nicaragua), e Eranga Samarakoon, Bio Foods (Sri Lanka).
Eva Pineda é unha muller positiva, riseira e como non, loitadora. Leva tres anos impulsando a política de xénero na ONG Aldea Global e tentando que as mulleres que contribúen á produción do gran de ouro nicaragüense, o café, accedan tamén aos seus beneficios.
Con quen traballa día a día Aldea Global e Eva Pineda?
Nós traballamos con 1200 pequenos produtores de café, grans básicos e gandería menor no norte de Nicaragua. Eles conforman a asociación de produtores e elixen en asemblea aos seus directivos, nós só formamos parte do equipo técnico.
Que diferenzas concretas xera para un produtor vender o seu café a través dun sistema de comercio xusto a venderllo a unha gran empresa?
Ao non ter intermediarios calquera plus do café aprovéitase para que chegue directamente ao produtor, mellorando ademais o acceso a educación e saúde. Antes as familias tiñan sempre a incerteza de canto lle ían a pagar polo seu produto e se este diñeiro chegaríalle para vivir, pero agora non porque se lle dá realmente o que vale, máis aló do prezo do mercado.
Aldea Global ten a intención de que este plus se dedique tamén á loita contra a desigualdade entre homes e mulleres
Si, pretendemos que estes ingresos a maiores que conseguen polo café tamén se invista en mellorar a situación das mulleres porque aínda que non son elas as que traballan directamente a terra, si son indispensables para que a produción salga adiante. Levántanse ás 3 da madrugada para poder facer a comida para as 20 ou 30 persoas que traballan na recolección, encárganse dos nenos e de toda a loxística necesaria, pero o seu esforzo non é recoñecido, nin por suposto retribuido.
Que accións concretas está a promover Aldea Global para promover a equidade de xénero?
Pois agora Aldea Global está centrada en poder legalizar as terras a nome das mulleres ou como mal menor, a nome do matrimonio, porque a maioría delas non son donas de nada e por iso non poden acceder aos créditos de produción. Ademais sacaremos deica pouco unha marca de café, feito só por mulleres.
Que poder de decisión teñen as mulleres dentro da asociación de produtores?
Pois cando se creou Aldea Global hai 16 anos só integrábana homes. Hoxe en cambio temos 500 asociadas e un 42 por cento dos postos de decisión están en mans de mulleres. Elas xa participan, xa teñen voz, algo que dentro da cultura patriarcal nicaraguana é un gran paso. Antes elas non podían nin sequera ir a un encontro de mulleres sen o permiso das súas parellas, agora nin lles piden permiso.
Pero habería momentos de conflito cos homes
Si claro, pero isto non se logrou dun día para outro. Levamos a cabo talleres de sensibilización para que ambos entendan que a desigualdade entre homes e mulleres o único que xera é máis pobreza e que xuntos poden chegar máis lonxe. Agora algúns homes até axudan nos labores domésticos, algo inaudito no rural centroamericano. Ademais moitas parellas entenderon, analizando cal era a situación das súas nais e as penas que tiveron que pasar, que non queren que as súas fillas vivan o mesmo.
Que pensan os produtores de que o seu café só véndase fóra de Nicaragua?
Agora entenderon que o seu produto ten un valor, que o seu traballo tamén merece un respecto, e vendelo fóra do seu país para eles tamén é un orgullo. Eu lévolles unha chea de fotos dos voluntarios de españois e das persoas que fan posible que poidan acceder aos mercados internacionais porque sei que lles vai a facer moita ilusión. E gustaríame dicirlles a todos os voluntarios que o seu tempo tamén ten un valor e que pode xerar grandes cambios, en Nicaragua e en moitos outros países.











