Mar Mato-Luisa Pérez / Palestina.- Fai uns oito anos que acode ás manifestacións. Teno moi claro cando se lle preguntan as súas razóns: "Non todos os israelís son malos e os palestinos sábeno". A presenza de activistas como el nas protestas consegue baixar o potencial de resposta do exército israelí. As súas palabras mestúranse coas dun francés que se fixo co altofalante para explicar que “toda Francia está coa causa palestina”.
A realidade non sempre foi a mesma. “A xente maior traballaba en Israel, sabía hebreo e coñecía aos israelís. Pero os nenos están a crecer nun contexto no que os únicos israelís que coñecen son os soldados do exército. Vimos aquí para ensinarlles que hai bos israelís”.
Comprender ou participar nas actividades a favor do pobo palestino pode ser unha importante fonte de problemas para os cidadáns israelís: “Son afortunado porque teño unha familia que non é tan radical como eu, pero non se opón ás miñas accións. Entenden que estou a facer algo positivo. Outras persoas si que teñen problemas coas súas familias”.











