- É vostede educadora nun piso mentor. Podería explicar que son exactamente este tipo de vivendas e cal é a súa filosofía?
Son vivendas pensadas para un máximo de 8 persoas nas que, en xeral, o que facemos é axudar a adolescentes de entre 16 e 21 anos no camiño cara á emancipación. O obxectivo é que saian do noso recurso coas necesidades totalmente cubertas nos ámbitos económico, laboral e social, que se vaian cunha vida completa. Procuramos que cheguen a ser o máis independentes posibles, que xestionen a súa vida e aprendan a ser autosuficientes.
- Como conseguen ese paso cara á emancipación plena?
Axudámoslles na procura de emprego e tamén nas tarefas domésticas. Os centros dos que veñen non os preparan para a vida independente e nós facemos todo o posible para que estean formados neste aspecto. En principio, eles saen dos seus centros e veñen ao piso mentor crendo que van a un hostal porque están afeitos aos seus centros, a que llo fagan todo, pero nestes pisos están sos cun educador, teñen normas e horarios máis flexibles… atópanse con outra realidade diferente, atópanse cunha serie de responsabilidades e isto suponlles dificultades. Ensinámoslles a tramitar o cartón do autobús, a pedir cita para ir ao médico… Hai rapaces que aínda seguen tendo problemas para pedir unha factura por medo ao que poida pensar o outro.
- Ao seu entender, que xustifica a existencia dos pisos mentores, por que son tan necesarios?
É o acompañamento e orientación dando pasos cara á emancipación e a independencia. A súa existencia xustifícase por si mesma en axudarlles a unha vida mellor. Tendo en conta que nos outros centros aos 18 anos deben marchar, estes pisos supoñen unha alternativa a quedar na rúa é a última oportunidade antes de saltar á vida independente, nese proceso de cambio.
- É un obxectivo complexo tendo en conta que se trata de adolescentes. O programa adoita ter éxito?
O meu balance é metade e metade. Hai xente á que lle conseguimos un contrato, foise cun traballo, mantívoo e son sobreviventes natos. Logo hai xente que ao deixar o centro non soportou a presión e volveu á casa da que saíra por problemas. Outros, ao cabo dun mes, perderon o traballo porque empezaron a faltar, por exemplo.
- Como chega un adolescente a vivir nun piso mentor e de onde ven derivado?
Para vir a un piso mentor normalmente recoméndano os técnicos da Delegación de Menores. Os mozos adoitan facer varias visitas antes de vir definitivamente e, logo, facemos un informe de adaptación e, cando chegan, empézase a traballar con eles. Eu estou nun piso na Coruña no que actualmente teño cinco adolescentes, tres mozos e dúas mozas. Un ven derivado de Cruz Vermella, un dun centro de Rábade, outra de Lar A Merced (A Coruña), un de Soutomaior (Ferrol) e outro da Milagrosa (Meirás, A Coruña).
- Todos os mozos que chegan a estes centros están en risco de exclusión social, pero teñen un perfil específico?
A idade á que entran é entre os 16 e os 21 anos, pero a experiencia que teño é que algúns xa veñen con 17 ou 18 anos e é raro que se vaian con máis de 20. O perfil é moi variado, son mozos en risco de exclusión social, pero con perfís moi distintos. Sempre son mozos que están afeitos a non tomar decisións propias.
- O proceso de adaptación a esta nova vida nun piso mentor será complicado…
Depende. Temos un mozo que aínda veu en agosto. A nivel convivencia non ocasiona problemas, pero ten unha historia familiar complicada, cunha adopción errada que lle creou unha baixa autoestima, e non ten motivación por nada. Das mozas temos unha que tamén ven dunha adopción errada, cos mesmos problemas que este mozo, pero ela leva xa un ano e medio longo e conseguimos grandes avances. Veu totalmente desmotivada e moi enfadada co mundo, pero matriculámola para facer perruquería, que é o que quería, e fixo un novo grupo de amizades. O problema é que ten moitos picos a nivel emocional. Ten unha relación intermitente coa súa nai, é de Perú e non quería vir para España, por iso está enfadada coa súa nai. É inestable cando aparecen axentes inestables na súa vida.
- Convivindo con estes adolescentes de tan distinta procedencia atoparase con todo tipo de historias, moitas tristes.
Si. A outra moza, por exemplo, a nivel convivencia non ten ningún problema. É unha moza cunha chea de habilidades, moi intelixente, que con 13 anos xuntouse cun home que lle sacaba 25 anos e estivo por aí perdida máis dun ano, así que non tivo infancia nin moita adolescencia. Ten carencias incribles, como esquecerse de tomar a pílula, e só ten de apoio ao seu noivo. Sempre tivo problemas de dependencia dos homes. Esta situación é moi habitual. O problema adoita ser de mozas que tiveron malos tratos e abusos e logo tiveron relacións conflitivas e agora necesitan ter sempre a alguén ao seu carón.











