Por Sofía Caamaño, Pablo Santiago, Laura Pertierra y Pablo Romero

(Reportaxe realizada polo alumnado do VI Seminario de Xornalismo Social e Cooperación que obtivo como premio o seu traballo unha viaxe para coñecer a realidade marroquí coas ONGD Agareso e ACPP)

Eran as catro da mañá e as rúas de Berkane tiñan vida propia. Persoas e coches fusionábanse nun harmónico caos. Para algúns remataba a noite ou comezaba o día e para outros iniciábase o que sería un sismo cerebral, dos que derrúen as fachadas e deixan ao descuberto as raíces.

Entre chilabas e mesquitas agóchase en Berkane unha igrexa católica, que foi obxecto de crítica por parte da cidadanía marroquí pois pensábase que alí se convertían musulmáns a cristiáns. A realidade é que entre as  catro paredes do templo se refuxia o traballo da asociación Home et Development presidida por Najib Bachiri, que traballa, sobre todo, con inmigrantes subsaharianos que atravesan parte do continente para chegar á utópica  Europa e que en moitas ocasións acaban encontrando o seu futuro en Marrocos. Máis oportunidades a menor custe. Dentro desa realidade vive Edith, camerunesa que atravesou o deserto apiñada nun autobús coa intención de atopar un lugar mellor para vivir. Segundo conta, durante a viaxe abusaron sexualmente dela en repetidas ocasións e tivo, inclusive, que beber a súa propia ouriña para poder sobrevivir. Agora que está embarazada, desviou a mirada do vello continente e espera asentarse en Marrocos.

  

Boubacar, natural de Guinea-Conakry, fuxiu do seu país por cuestións políticas e chegou a Marrocos coa intención de axudar á comunidade migrante subsahariana alí asentada. Na actualidade desenvolve esta labor no seo da asociación Asticude, en Nador. Co tempo, gañouse a confianza das persoas coas que traballa e a pesar de non recomendar a viaxe cara Europa polo trato que alí reciben os inmigrantes, conta que en unha ocasión realizou o percorrido dende os bosques ata as lanchas con un dos grupos “para saber como é a experiencia” e asegura: “É unha viaxe moi dura, son moitas horas en moi malas condicións”. Persoas que fuxen sen ningún lugar ao que ir. A solución? Segundo  Omo Omoruyi da Asociación Ahlam en Tanxer, pensa que “todos temos que traballar para conseguir que a xente non teña que marchar a Europa, que poidan ter un traballo en Marrocos”.

Chegar alí, a Tanxer, é como atravesar, a simple vista, a fronteira cara o luxo. Publicidade, grandes multinacionais, persoas occidentalizadas. Unha superficialidade que agocha, debaixo de tanto maquillaxe, a cara máis crúa de Marrocos. Mohamed Antit, traballador de Ahlam, asegura que unha gran parte da poboación de Tánxer non está recoñecida, por ser estas persoas que habitan as rúas da cidade. O impresionante paseo marítimo contrasta coa realidade da medina xa entrada a noite. As xigantescas fotos do rei Mohamed VI por toda a urbe, cun oculto movemento monárquico entre certos sectores da poboación. O descontento co sistema está emerxendo en Alhucemas. A constante presencia na rúa deixa entrever a magnitude das policial actuais protestas da cidadanía, que son só a punta do iceberg que conforma o país. Mohamed El Andaloussi, membro da asociación ecoloxista Azir, fala dun sistema corrupto e dunha situación social caótica. Alí, en Alhucemas, o paro xuvenil é do 30%. E os que conseguen traballo no país, en que condicións? Ghassane Koumiya, da organización Atawassoul, fala de como un elevado porcentaxe da poboación xoven se ve obrigada a empregarse en fábricas de multinacionais estranxeiras deslocalizadas en Marrocos en “terribles condicións e cun salario moi baixo”. Ghassane asegura que, a pesar de que a lei marroquí o prohibe, neste tipo de instalacións traballan menores de idade que, unha vez as mulleres se quedan embarazadas ou superan os 40 anos de idade, son despedidas. Sen ningún sitio para onde ir, os seus fillos e fillas vense obrigadas a conseguir un emprego nunha destas fábricas creando, deste xeito, “un empobrecemento sistemático”.

  

Dentro do empobrecemento e a desigualdade, un dos grupos que se ve máis afectado é o colectivo feminino. Fatima Lemmah, da Asociación Unión de Acción Feminista, fala dun machismo sistemático asentado na sociedade marroquí que aproba un papel pasivo da muller nas casas e a limitación da escolarización das nenas. Para Fátima, a solución radica en “educar a poboación, tanto masculina como feminina”. Polos dereitos das mulleres, e máis en concreto das nais solteiras, loitan tamén dende 100% Mamams. Coas súas iniciativas queren reducir a precariedade e exclusión social deste colectivo, instruír na prevención de embarazos non desexados e mellorar a colaborar na busca de emprego e, polo tanto, na inserción social. Para elas, é vital a comunicación desta problemática para a concienciación da cidadanía e por iso crearon a radio de 100% Mamams, na que son as propias nais as que se poñen diante do micrófono para falar da súa situación e outras problemáticas relacionadas co colectivo feminino.

Tanxer amencía un día máis. Os postos da medina comezaban a abrir, as persoas saían a rúa e na estrada movíanse os coches máis madrugadores. Tanxer amencía inconsciente de que un avión, cheo de ideas e reflexións, sobrevoaba o seu ceo.