O sábado foi un día intenso na expedición anual de Agareso a Tánxer. A visita á asociación 100% Mamans e a Attawassoul sumerxiu o equipo na máis crúa realidade do país e dos que traballan para cambiala. Coas emocións a flor de pel, o traballo de comunicar as historias que lles contaban facíase máis complicado e daba sentido a todo o que estaban a facer.

100% Mamans leva 12 anos traballando cun dos colectivos máis estigmatizados da sociedade marroquí: as nais solteiras. O non recoñecemento dun fillo ou filla por parte do pai biolóxico condea tanto a nai como o neno ou nena á repudia familiar así como da sociedade. Esta organización non só lles ofrece ás nais unha gardería onde deixar os nenos, senón que tamén acollen de forma temporal aquelas que o precisan, axúdanlles a conseguir unha formación profesional e encárganse dos asuntos legais que conleva ser nai solteira e Marrocos. Nun país onde a lei non contempla as relacións extramatrimoniais, a loita destas muleres é contínua, pois aos ollos da sociedade son vistas, sexa cal sexa a súa historia, como prostitutas e rexeitadas por ese motivo. Debido a isto e ás difultades de acudir a realizar un aborto clandestino, moitas mulleres ven o abandono como única opción e evitar que isto suceda é o principal obxectivo de 100% Mamans.

Tras pasar toda a mañá escoitando algunhas das historias das mulleres de 100% Mamans e sobre o traballo da organización, o equipo dirixiuse a Attawassoul, unha asociación de obreiros, para falar das condicións de traballo nas fábricas da industria téxtil. Xornadas de 12 horas, unhas cotas de produción demasiado elevadas, salarios de 1’30 euros a hora e unha gran represión contra calquera tipo de queixa ou sindicación é o resumo dunha charla cun grupo de obreiros o obreiras destas fábricas que producen para marcas como Zara ou Mango. Ademais, as mulleres seguiron sendo protagonistas da conversa, xa que constitúen unha ampla maioría das traballadoras destas fábricas debido, segundo nos explicaron elas mesmas, a que son máis facilmente manipulables que os homes.