Un dos eixos do proxecto EPDLAB é a conexión entre nenos e nenas de diferentes contextos culturais e socioeconómicos, por unha banda dentro de Galicia, e por outro entre Galicia e O Salvador.
EPDLAB é un proxecto de educación para o desenvolvemento que leva a cabo en 5 centros galegos: IES A Sangriña da Guarda, IES Pintor Colmeiro de Silleda, IES Carlos Casares de Viana do Bolo, IES A Cachada de Boiro e IES Milladoiro en Ames.

Para favorecer esta conexión, cada ano realízanse desde o Salvador unhas gravacións en forma de vídeo-cartas onde nos contan a súa realidade: o seu día a día, as súas preocupacións, curiosidades sobre a zona onde viven, etc.
Este ano estas vídeo cartas estaban realizadas polos voluntarios e voluntarias de Radio Izcanal, unha radio comunitaria da zona de Usultán onde a nosa organización vén traballando nos últimos anos.

Radio Izcanal está situada en Nova Selecta, departamento de Usultán. Está xestionada pola asociación que leva o mesmo nome. Todas as súas accións focalízanse no fomento do desenvolvemento humano da rexión a través de procesos e xestións comunitarias. Nesta misión perséguese o fortalecemento organizativo, o rescate cultural, o respecto e conservación do medio ambiente e intercambio local. Á súa vez, trátase de contribuír ás transformacións estruturais do Salvador, recorrendo á incidencia política, en alianza con organizacións e redes da sociedade civil nacional e internacional.
Outro dos principais obxectivos da emisora comunitaria é contribuír á democratización das comunicacións abrindo espazos de participación ás comunidades na programación: a solidariedade, a cultura de paz e o respecto á diversidade social, política e relixiosa son varios dos valores temáticos que sustenta a súa programación radiofónica.

A resposta do alumnado galego

Tras a visualización dos testemuños do Salvador, o alumnado que forma parte do proxecto EPDLAB gravou as súas propias videocartas seguindo como guión as preguntas que se lles fai desde Radio Izcanal, pero tamén comentando todo aquilo que consideran necesario.
Todo este material pode visualizarse na plataforma web do proxecto: www.epdlab.gal no apartado dedicado ás videocartas.
Esta forma de comunicarse permite aos nenos e nenas dos centros participantes establecer un contacto directo con outras realidades, sen a existencia de mediación doutros axentes, polo que axuda a que eles e elas constrúan unha idea propia sobre outras realidades, desprendidos de prexuízos ou filtros.