O fortalecemento da radio e da televisión comunitaria en Centroamérica é unha prioridade para Agareso. Éo desde a última década. De feito, os maiores esforzos en cooperación focalízanse en apoiar os procesos de formación técnica, xornalística e social de varias canles no Salvador e do resto da rexión. Froito da experiencia acumulada, a ONGD comezou a desenvolver proxectos centrados na comunicación, da man de ACPP e con financiamento da Xunta de Galicia, nunha das emisoras de referencia como é Radio TV Izcanal, situada no municipio de Nueva Granada.

Durante os meses de novembro e decembro do pasado 2017, un equipo da organización formado polos voluntarios Pablo Santiago, Óscar Dacosta e Juan de Sola traballou, ao longo de intensas xornadas de formación, en dúas liñas diferenciadas: por unha banda, mellorar as emisións e as producións de televisión. Por outra, incrementar a calidade da programación e informativos da radio. Ben é certo que todo o persoal desta canle adoita compatibilizar tarefas na área audiovisual e radiofónica. Unha versatilidade que se tratou de aproveitar, en todo momento, co obxectivo de apuntalar un proxecto de comunicación para o desenvolvemento cunha traxectoria de máis de 25 anos.

A televisión converteuse nun medio de notable penetración nas comunidades da zona ao longo dos últimos tempos. Ata hai uns meses, as súas emisións viñan realizándose a través dun sinal por cable; aínda que, este feito viuse interrompido polo alto custo que aplican as operadoras por pertencer ás súas plataformas. Por este motivo, o proxecto realizado por Agareso consistiu en dotar de capacidades e habilidades a todo o equipo para afrontar o novo reto de dar un salto decisivo ao universo dixital. Tamén, houbo espazo para abordar un capítulo especial centrado mellorar as técnicas de directo, realización, gravación e post produción dos contidos. Tanto dentro como fóra dos estudos.

No caso da radio, o proceso formativo tivo dous escenarios: a escola de radio feminista e as comunidades. No primeiro, máis teórico, analizáronse os diversos espazos que ofrece a emisora tanto a nivel informativo como de entretemento. Neste contexto buscouse mellorar a locución e a redacción cunha visión crítica sobre os acontecementos que suceden na contorna. No segundo apartado, máis práctico, realizáronse unha serie de programas no exterior dos estudos aproveitando unha serie de acontecementos que tiñan lugar nas comunidades da zona como a propia Nueva Granada ou San José. Nestes lugares abordáronse temas relacionados coa loita contra a violencia machista, o respecto dos recursos medio ambientais, a participación da mocidade ou a importancia da identidade social e cultural.

Este medio comunitario naceu, hai 26 anos, por iniciativa do misioneiro español José Luis Gavira. Integrada nas raíces de Nuevo Gualcho, unha das comunidades máis relevantes no país salvadoreño tras o proceso de posguerra e os acordos de paz. Na década dos 90, neste territorio estableceuse un gran campo de refuxiados, con persoas procedentes do gran éxodo que a guerra nos anos 80 provocou cara a Honduras. Partindo desta realidade emerxeu a idea de construír unha radio comunitaria como elemento de potenciación da identidade social. Este feito, a día de hoxe, converteu a canle comunitaria en toda unha referencia no país e na rexión centroaméricana.

III ENCONTRO CENTROAMÉRICANO

A radio é un deses elementos cotiáns que, a base de insistir, logra converterse en imprescindible a moitos niveis. É o caso deste medio en Centroamérica. Centenares de emisoras atópanse repartidas pola rexión buscando, como obxectivo, desenvolver social e culturalmente as súas comunidades. A articulación dunha rede con identidade clara e definida é un labor de AMARC (Asociación Mundial de Radios Comunitarias) e a Fundación Comunicándonos. Estas dúas organizacións permiten que as canles e centros de produción activos na rexión teñan sempre unha referencia na que apoiarse a nivel institucional, político, técnico e formativo.

Neste marco, a ONG Agareso leva tres anos consecutivos apoiando a celebración dun Encontro Anual de Radios Comunitarias. Ao longo de dous días, no Hotel Torogoz de San Salvador (El Salvador), representantes de máis de medio centenar de radios da rede participaron nunha intensa axenda de traballo centrada na formación tecnolóxica e a cohesión como rede.

Aproveitando estas condicións e tralo nacemento do proxecto Comunitaria Radio –plataforma para compartir contidos e programación conxunta-, produciuse un novo encontro o pasado mes de decembro de 2017. Principalmente, estivo centrado en construír a identidade e a operatividade da iniciativa (CM) que, entre outras cousas, persegue realizar emisións rexionais en cadea e optimizar as producións que cada radio realiza co fin de incluílas nunha canle En liña, soportado por Agareso Radio.

Como resultado da terceira edición cabe destacar o fortalecemento que AMARC, Fundación Comunicándonos e Agareso lograron imprimir ao proxecto Comunitaria Radio. Un feito que quedou avalado coa primeira emisión en directo, e en cadea, que un centenar de radios comunitarias da rexión compartiron durante catro horas. O espazo permitiu facer unha radiografía sobre as diferentes culturas e realidades presentes na rede. Con todo, houbo unha especial atención á crise política que padece Honduras desde os últimos comicios electorais. A partir de agora, queda un longo ano de axuste das máis de cen emisoras que forma parte do proxecto.

DIPLOMADO UES

A ONG Agareso tamén se converteu nunha das institucións garantes do primeiro diplomado en comunicación comunitaria que tivo lugar na Universidade Pública do Salvador. Durante unha semana, estudantes e responsables de radios comunitarias recibiron formación relacionada cunha comunicación comprometida coas realidades das comunidades. Neste sentido, reservouse un importante apartado para a denominada converxencia dixital que deben afrontar, máis pronto que tarde, as diferentes canles comunitarias. Coa participación do decano, diversos profesores da facultade e profesionais do xornalismo profundouse como afrontar o desafío do presente, para as radios, relacionado coas novas plataformas podcast, en liña, streaming ou redes sociais.

FORO CONTRA A IMPUNIDADE

Outro dos espazos nos que Agareso estivo presente foi na celebración do Foro Internacional: Impunidade, seguridade e xornalismo en San Salvador, El Salvador. A convocatoria evidenciou os graves problemas que sofren os profesionais da comunicación para garantir as súas vidas, exercendo a profesión. Diversos expertos expuxeron as diferentes ameazas que padecen os xornalistas que traballan en Centroamérica e Latinoamérica. Desde Colombia ata México. Un repaso de gran interese para coñecer unha realidade, en moitas ocasións, invisible a ollos da sociedade. Pero, nesta ocasión, existiu un eixo central: o caso dos catro xornalistas holandeses asasinados o 17 de marzo de 1982, en plena emboscada do exército salvadoreño. Agora, unha vez transcorrido o prazo fixado nos acordos de paz, desaparece a inmunidade por delitos cometidos durante a guerra no Salvador. Un novo escenario no que é posible acudir a un tribunal e esixir xustiza por determinadas situacións. Ante isto, son varias as organizacións interesadas en que se xulgue este caso por presunto asasinato por parte dun escuadrón militar. A embaixada de Holanda e outra serie de institucións internacionais como o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia mostraron o seu interese por apoiar e incidir neste proceso. Este ano 2018 considérase clave para avanzar nas accións xudiciais que, proximamente, iniciaranse ante a Fiscalía salvadoreña.