Chegou o outono e, con el, arrinca unha nova edición do Laboratorio de Educación para o Desenvolvemento (EpDLab), un proxecto de innovación educativa deseñado e desenvolvido polo equipo técnico de Agareso e financiado por Cooperación Galega que chega este ao seu quinto ano de vida. Esta tarde tivemos a primeira xuntanza co profesorado participante e xunto a eles comezamos a definir o calendario de actividades e démoslles forma ás principais novidades desta edición.

E é que unha parte fundamental do EpDLab son os centros educativos e as e os docentes que participan nel: o IES O Milladoiro (Ames) e o IES Carlos Casares (Viana do Bolo) forman parte do proxecto dende a súa primeira edición, o IES Pintor Colmeiro (Silleda) sumouse na segunda, o IES Illa de Ons (Bueu) incorporouse na cuarta e o IES de Brión, súmase este ano. Todos eles son parte deste traballo e dos seus resultados, grazas ás súas achegas e á súa implicación.

Esta mesma semana, presentamos o EpDLab no Congreso Internacional sobre Aprendizaje, Innovación y Cooperación (CINAIC), cun artigo titulado Narrativas digitales para potenciar la creatividad, la participación y el pensamiento crítico en la enseñanza obligatoria. Podedes lelo, integramente, aquí.

Coñece máis sobre o proxecto, nesta reportaxe de Vinte

Máis de 400 persoas pasaron xa polas distintas accións que compoñen este proxecto, ao longo dos seus 5 anos de vida. Ademais dos 9 obradoiros (un ao mes) que se fan coa rapazada galega, o EpDLAB inclúe tamén unha formación dirixida ao profesorado e integrada na oferta do CAFI. Tamén publícase a Guía Didáctica, que pode ser consultada dende a web do proxecto e que conta con máis de 100 descargas. Cada ano, os grupos participantes elaboran un Mural Común de Coñecementos que se colga nas paredes dos seus centros e realizan presentacións públicas diante das súas compañeiras e compañeiros, para expoñer as súas conclusións e os seus traballos. E dende hai dous anos, celebramos tamén un encontro intercentros, baixo o formato de #Hackathon, onde alumnado e profesorado traballan na creación dun produto concreto. O ano pasado, elaboramos unha caixa de ferramentas para detectar fake news e para respostar dende as propias redes sociais.

En breve, comezamos os obradoiros. Se queredes seguir o noso día a día neste proxecto, botádelle un ollo á web e seguide as contas xestionadas polo alumnado participante. Son: @epdlabsilleda (Twitter e Instagram) | O Choupín Dixital (Facebook) @epdlabviana (Instagram) | @epdlabbueu (Twitter e Instagram) | @epdlabmilladoiro2 (Twitter e Instagram) | @epdlabbrion (Twitter) e @Brionproxectoepd (Instagram)