A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a Fundación Secretariado Xitano (FSX) estrean este venres, día 6, a curta Marcando la diferencia, creada e protagonizada por dez mulleres xitanas de Santiago de Compostela. A cita adiántase á celebración do Día Internacional do Pobo Xitano, o vindeiro domingo, 8 de abril, cunha mensaxe clara: as mulleres xitanas non queren falar só das dificultades ás que se enfronta o seu colectivo, queren falar tamén dos aspectos positivos que ten a súa identidade e das cuestións negativas que afectan a todas as mulleres. E queren deixar unha cousa clara: “as mulleres novas están chamadas a marcar a diferencia”.

A concelleira responsable de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos de Santiago de Compostela, Concepción Fernández, salientou esta mañá na ronda de presentación da campaña a súa vontade de “empoderar, visibilizar e acoger ás mulleres xitanas no Concello, como vecinas de Compostela que son”. A coordinadora de equipo da FSX en Santiago, Isabel Suárez, pola súa banda, destacou o feito de que nesta campaña se “entrelacen dous proyectos moi importantes para a Fundación, o Cali -que traballa coas mulleres xitanas- e o Promociona -orientado a favorecer a normalización educativa do alumnado xitano-“. Finalmente, a coordinadora de Agareso, Lorena Seijo, puxo o acento sobre o feito de que tanto a curta como a campaña foros ideadas e executadas polas propias mulleres, que “piden ao resto das mulleres que contemos con elas neste proceso de transformación que estamos vivindo actualmente”.

Lurdes, Pilar, Amparo, Verónica, Saray, Dolores, Sabrina, Rebeca, Encarna e Tamara son dez mulleres xitanas e veciñas de Compostela que os pasados meses de xaneiro e febreiro realizaron un obradoiro de Vídeo Participativo impartido pola ONGD Agareso, dentro do proxecto Promociona, capitaneado pola FSX e que conta coa colaboración da Obra Social “laCaixa”. O froito dese obradoiro é a curta Marcando a diferencia, ideada, guionizada, gravada e protagonizada por elas e que se estrea este venres, día 6, ás 17h no Centro Sociocultural Fontiñas.

Na curta, unha rapaza xitana dille a súa nai que non quere seguir co negocio familiar, que lle gustaría estudiar medicina. Tralo conflito inicial, desencadéanse unha serie de encontros que nos desvelan a estrutura de apoios e de dificultades que comparten as mulleres da comunidade xitana con outros colectivos de mulleres. Especialmente, coas racializadas. E con aquelas cunha forte carga familiar e/ou de coidados. A mensaxe, ao final, é a capacidade de cambio que posúen as mulleres novas, que están chamadas a “marcar a diferencia”.

Estas dez mullers xitanas construíron a súa mensaxe a través de varios exercicios audiovisuais nos que xurdiron temas como a integración, a interculturidade, a solidariedade e o respecto. Todos eles, aseguran, “reclámanse e constrúense de xeito colectivo”. E iso é o que elas lles piden “a todas as mulleres”, cara a cara, dende unha identidade xitana orgullosa e en plena evolución, a través da campaña Das mulleres xitanas para todas as mulleres: Loitemos por cambiar os tempos, xurdida a partir do obradoiro, coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela.

As caras de oito destas mulleres valentes protagonizan os carteis que inundan estes días os parques, as rúas e os buses urbanos de Compostela, así como os centros socioculturais e educativos da cidade. Neles, diríxense, principalmente, ás mulleres, de toda raza e condición. Pídenlles que “loitemos por cambiar os tempos” e recórdanlles que, para facelo, poden contar coas mulleres xitanas. Que baixo a súa pel e  ollos escuros, teñen moito que dicir. Son loitadoras, familiares, orgullosas e traballadoras. Poden, elas e calquera outra muller, defender un traballo como calquera. Un traballo digno. Están criando aos seus fillos e fillas para que non perdan a súa identidade, pero “marcando a diferenza”: con estudos, respecto, saúde e liberdade.