Pouco despois de aterrar en Tánxer, de manter unha conversa con Alicia Fernández, delegada en terreo da Asemblea de Cooperación pola Paz -que lles axudou a situarse no contexto social do país- e de facer unha primeira visita á asociación Aida, o equipo composto polos estudantes Uxía Pérez, Marcos Fernández e Leticia Francisco e máis polos voluntarios María Aneiros e Antonio Grunfeld, axiña viu que as mulleres e a súa situación tiñan que ser as protagonistas da peza audiovisual. “As mulleres viven en Marrocos nunha situación de completa indefensión”, explícanos María Aneiros á súa volta. “A cultura patriarcal que tan profundamente arraigada está á sociedade, reflítese nas propias leis, deixando as mulleres nunha posición de inferioridade con respecto aos homes”. “Por este motivo”, conclúe, “o labor das diferentes asociacións que visitamos durante a nosa viaxe a Tánxer resulta tan imprescindible”.

Nun artigo anterior, fixemos referencia á situación das nais solteiras no país e a como 100% Mamans traballa día a día para axudalas a mellorar a súa situación e tamén a como as fábricas téxtiles están cheas de obreiras que traballan en condicións lamentables. Porén, existen moitas outras asociacións adicadas a axudar a mellorar a situación das mulleres cuxos proxectos tamén tiveron a oportunidade de coñecer. Este é o caso de L´union de l´action féminine (UAF), que leva dende 1987, practicamente dende o comezo da cooperación en Marrocos, traballando polos dereitos das mulleres e asesorando aquelas que o precisan en temas xurídicos como que pasos dar ante o maltrato ou os trámites para solicitar un divorcio legal, etc.

Na mesma liña que a anterior a organización, AIDA abriulle ao equipo de reporteiros e reporteiras as portas dun proxecto que actualmente están levando a cabo na cidade de Chefchouen, a dúas horas de Tánxer. Alí, un centro de escoita ofrece dende abril apoio xurídico e psicolóxico a mulleres vítimas de violencia de xénero. Ademais, o proxecto ten tamén unha liña paralela de actuación que busca a sensibilización da comunidade con estes temas, pois -segundo nos explica a voluntaria de Agareso María Aneiros, á súa volta da viaxe- “son poucas as mulleres que deciden non varrer os problemas de casa debaixo da alfombra e moitos os homes que exercen a súa falsa superioridade pola forza”. Por outra banda, nesta mesma cidade visitaron unha cooperativa de mulleres que, tras ter sufrido malos tratos, atoparon nos teares unha forma de gañar diñeiro para sacar adiantes as súas familias.

“Pese ao contexto”, recorda Aneiros a modo de conclusión, “existen mulleres como Jadiya que, sen ter saído do país máis que para algunha que outra breve viaxe, é un exemplo de feminismo e de loita activista contra o sistema imposto. Tras un par de conversas con ela demostrounos que son elas, as propias mulleres marroquís, as que teñen realmente o poder de cambiar as cousas dentro do país e que o seu empoderamento debe ser o principal obxectivo da cooperación”.