Onte celebrouse a terceira sesión do Seminario “Xornalismo Social e Cooperación Internacional” organizado pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios e a Asamblea de Cooperación pola Paz. Nela, o alumnado presente tivo a oportunidade de escoitar a Llerena Perozo Porteiro, directora de produción de Auga Editora, que falou da situación da muller nos medios de comunicación.

O discurso feminista de Perozo centrouse tanto na situación que viven as profesionais do xornalismo e da comunicación en xeral nos medios xa que, pese a representar á maioría do gremio están condenadas a salarios máis baixos e a non chegar aos postos de máis responsabilidade nas redaccións, así como o papel que estes medios destinan a elas e como é o tratamento que fan. Tras ilustrar o seu discurso cunha serie de titulares bastantes escandalosos pola súa carga machista e discriminatoria publicados por diferentes xornais nos últimos anos, os alumnos e alumnas foron partícipes dunha análise dun medio dunha cabeceira do día escollido ao azar, cuxos resultados corroboraron as ideas postas sobre a mesa pola poñente.

Durante a segunda parte da sesión o alumnado puido ver en exclusiva o documental sobre a situación actual do activismo marroquí realizado polos tres alumnos da pasada edición seminario que tiveron a oportunidade de completar a súa formación en Marrocos.