Entrevistas

28/02/2013

Juan Álvarez (AI): "O único que non debemos perder é a ética en calquera tipo de actividade humana"

Escrito por Natalia Puga
Os dereitos desta imaxe están protexidos Mónica Patxot/Pontevedra Viva

O activista de Amnistía Internacional Juan Álvarez-Iñíguez conciencia os pontevedreses sobre a necesidade de que a ONU aprobe o Tratado sobre Comercio de Armas: "non podemos esquecer que en definitiva a sociedade civil e os medios de comunicación tamén son os que forzan aos responsables políticos a tomar decisións"

"Un Tratado sobre o Comercio de Armas efectivo non é un tratado de prohibición de armas, senón que debe garantir que os Estados controlan rigorosamente a exportación, importación e transferencia internacional de todo tipo de armas de uso militar, policial e de seguridade, incluíndo equipos, munición e formación". Esta é a filosofía na que se basea a última campaña de información e sensibilización posta en marcha pola ONG Amnistía Internacional de cara á celebración entre o 18 e o 28 de marzo dunha Conferencia da ONU que será decisiva para a aprobación do Tratado sobre Comercio de Armas. Chegou a Pontevedra da man do seu activista e coordinador do equipo de Comercio de Armas Juan Álvarez-Iñíguez, e do xornalista de RNE e colaborador de Agareso Luis Miguel Alonso nunha charla no Café Moderno celebrada o mércores 27 de febreiro que ademais serviu para iniciar na cidade unha campaña de recollida de firmas en apoio ao tratado.

Chega a Pontevedra, segundo as súas propias palabras, para "falar do Tratado de Comercio de Armas que esperamos que se aproba esta primavera en nacións Unidas". Que busca Amnistía Internacional con actos como esta charla?

Esperamos que se aprobe para que se regule o circuíto de comercio de armas no mundo.

Que papel pode ter a cidadanía para este logro que os leva a centrar os seus esforzos en actos de contacto directo coa poboación?

Estes actos son de información á sociedade civil porque non podemos esquecer que en definitiva a sociedade civil e os medios de comunicación tamén son os que forzan os responsables políticos a tomar decisións.

Por que é importante este papel da sociedade española? Que papel ten España neste Tratado e no comercio de armas?

España está a apoiar o impulso do Tratado e a aprobación sen ningún atranco, por ese lado estamos moi contentos. En canto ao papel no comercio de armamento, España é o oitavo exportador no mundo e ten que vixiar mellor a que países se exporta. Aínda Que realmente esta regulado en España por unha lei do ano 2007, aínda hai algunhas cousas que deben ser melloradas, hai moito que traballar nese sentido.

Con que países estamos a facer negocio que impidan ese obxectivo de Amnistía Internacional de "impedir que se utilicen transferencias de armas para cometer ou facilitar que se cometan violacións graves de dereitos humanos ou que se desvíen o comercio ilícito, ao mercado ilegal ou a usuarios finais ilexítimos que, ademais, acaban freando o desenvolvemento socioeconómico e contribuíndo á pobreza"?

Hai varios que son preocupantes., Tenemos dende países do norte de África onde a situación, despois da Primeira Árabe, non é a que mellor se adapta ao respecto dos dereitos humanos (falamos de Exipto, de Túnez, Marrocos inclusive. A Malí vendéronselle aínda armas o ano pasado e este ano) e logo temos outros países con conflitos sociais diversos, con conflitos armados, inclusive como pode ser Colombia, como pode ser México, que fan que a venda de armas neses países sexa preocupante.

O primeiro exportador é Estados Unidos. Onde o están a facer mal eles?

Estados Unidos exporta o 40% de todo o total de exportacións mundiais. É, por exemplo o maior subministrador de armas a Iemen, onde aínda hai conflitos sociais e violación de dereitos sociais de xeito cotián; en Afganistán... Na maioría de países con conflitos Estados Unidos está a vender armas

Repróchaselle que detrás da orixe de moitas guerras está, de feito, os intereses da industria armamentística.

Eu non podo asegurar iso, o único é que é un círculo vicioso, é como a pescada que se morde a cola. A maior venda de armas hai máis conflitos e a maiores conflitos hai máis necesidades de exportar armas. Entón, aí hai moitos intereses tanto económicos coma estratéxicos que fan que se produzan máis do que hai que usar. Os armamentos prodúcense para usalos, é o grave problema.

Coa situación económica que pasa España, terán que enfrontarse a miúdo persoas que critiquen a súa postura como un ataque á industria armamentística como unha actividade económica e industrial que xera postos de traballo que escasean na época actual. Como xustifica a súa postura Amnistía Internacional ante este tipo de cuestionamentos?

Primeiro dicimos que loxicamente os esforzos, a tecnoloxía, o saber pódense dedicar a reconverter parte desa produción a un uso civil. E en segundo lugar que Amnistía non se opón a que haxa un comercio de armas, é un dereito que cada país pode importar armas para a súa propia defensa. O que pasa é que o único que non debemos perder é a ética en calquera tipo de actividade humana. Iso é o que está a loitar por conseguir, que haxa tamén un comportamento ético no comercio das armas.

Como é a receptividade que están a ter entre a poboación?

Francamente boa. Hai máis de 100 actividades en distintos puntos da xeografía española para documentarse. Para informar as persoas hai actividades de rúa e a acollida é bastante boa. Hai varias actividades prioritarias, a primeira que se lanzou é co enfoque de Estados Unidos como o maior produtor de armas e acábase de lanzar unha campaña de recollida de firmas. Aínda non sabemos cantas frrmas se van recoller. Ten que ser de aquí ao 17 de marzo porque o 18 empezan as negociacións nas Nacións Unidades. Temos un mes aproximadamente para a recollida.

*Fotografía: Mónica Patxot/Pontevedra Viva. Todos os dereitos reservados

Mapa de proxectos

Agareso Radio

Programa online

Axenda

Agosto 2014
28 29 30 31 1 2 3
4 5 6 7 8 9 10
11 12 13 14 15 16 17
18 19 20 21 22 23 24
25 26 27 28 29 30 31