Verónica Couto, Fran Rodríguez e Andrés Vázquez foron as tres persoas seleccionadas entre o alumnado do IX Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional que organizamos dende Agareso en colaboración con ACPP, dentro do proxecto Escolas Sen Racismo, para completar a súa formación en terreo. Como cada ano, as e os autores dos tres mellores traballos realizarán unhas prácticas en Marrocos durante as cales poderán coñecer e afrontar a realidade do país, visitar proxectos levados a cabo por diferentes ONGDs e realizar unha curta documental que sirva como unha pequena mostra da situación segundo a súa visión.

Despois dunha primeira toma de contacto coa zona Oriental, o alumnado comezou o seu traballo en Marrocos -acompañado de dous voluntarios de Agareso- coa visita á organización ASTICUDE, en Nador, onde puideron coñecer as barreiras migratorias da fronteira de man do seu presidente, Abdeslam Amakhtari. Unha vez contextualizada a situación de vulnerabilidade na que se atopan os migrantes subsaharianos no país, foron testemuñas dalgunhas das limitacións que sofren á hora de acceder a dereitos básicos como o de residencia ou o de traballo ao personalizar historias. Para iso, visitaron unha das formacións que ofrece a ONGD en Nador, neste caso de estética, onde algunhas das beneficiarias compartiron as súas vivencias. Asimesmo, puideron entrevistar a súa profesora, Medicá Banhamar, quen mostrou a importancia destas formacións para a integración do colectivo.