Como cada ano, tras o remate do Seminario de Xornalismo Social e Cooperación Internacional que organizamos con ACPP dentro do proxecto Escolas sen Racismo, o alumnado cos mellores traballos presentados visita Marrocos para completar a súa formación sobre terreo. Ao longo desta viaxe, Uxía Pérez, Marcos Fernández e Leticia Francisco, acompañados por dous voluntarios de Agareso, visitarán diferentes proxectos levados a cabo por diferentes ONGD´s na rexión de Tánxer e realizarán tamén un pequeno produto audiovisual de carácter documental.

Tras pasar o día de onte aclimatándose á cidade de Tánxer e facendo contactos, hoxe a xornada comezou cunha reunión coa técnica de ACPP, Alicia Fernández, que leva dende 2014 traballando neste país. Ao redor dunha mesa con té marroquí, falaron sobre a realidade tanxerna abordando temas diversos como as políticas de migración, dereitos humanos e a situación das mulleres. Este último tema tomou protagonismo ao longo da xornada na que puideron entrevistar á delegada en Tánger da ONGD Aida, Ana Javiva Dahbi Jiménez e visitaron ás mulleres de Attawasoul, unha asociación que axuda e respalda ás mulleres traballadoras das fábricas marroquís.