Este setembro recibimos unha noticia que nos encheu de entusiasmo e que fixo que o retorno ao traballo despois do verán non fora tan duro. A Fundación La Caixa viña de aprobar o proxecto de Acción Social que presentamos xunto á Fundación Secretariado Xitano de Galicia (FSX) á súa convocatoria de interculturalidade.

Este proxecto, primeiro que presentamos a esta convocatoria, ten como obxectivo básico o reforzo educativo das mozas e mozos xitanos, a loita contra os prexuízos raciais a través das novas tecnoloxías, o empoderamento do propio colectivo xitano a través do vídeo participativo e unha campaña de comunicación externa que faga tomar conciencia á cidadanía de Compostela de que moitos dos conceptos dos que partimos cando pensamos en persoas xitanas son falsos.

Esta é a primeira vez tamén que Agareso e a FSX presentamos un proxecto conxunto, polo que ambas organizacións estamos contentas de ter feito unha nova alianza, que esperamos que sexa sostible no tempo. De momento, este ano xa colaboramos na realización de dous vídeos de sensibilización sobre o seu programa de inclusión e emprego Aprender Traballando, colaboración que foi moi ben valorada por ambas entidades.

O noso proxectos contra a xitanofobia comezará no mes de outubro e as técnicas responsables do mesmo serán Sonia Díaz e María Lobo. Formaremos en ferramentas TIC para o cambio social a 200 estudantes da ESO cos que construiremos mensaxes contra a xenofobia, traballaremos cun grupo de mulleres xitanas para que a través do vídeo participativo nos conten a súa historia, a súa vida cotiá e contribúan co seu audiovisual a romper barreiras e, para rematar, realizaremos unha campaña de comunicación externa con fotografías, cuñas de radio e presentación públicas para involucrar á cidadanía compostelana nesta loita conxunta contra os prexuízos.