Agareso quere este 2017 afrontar novos retos, comezar a traballar en novos países e descubrir novos socios locais. Para achegarse un pouco máis a este obxectivo un equipo da organización integrado por Lorena Seijo, coordinadora de Agareso, e Antonio Grunfeld, encargado da área audiovisual, viaxou este mes de xaneiro a República Dominicana.

Coa súa axuda de Asemblea de Cooperación pola Paz, a nosa socia en Galicia, adentrámonos nos batey de Ramón Santana e San Pedro Macorís nos que o Instituto de Acción Comunitaria (IDAC), a súa contraparte local, fortalece o tecido comunitario para poder mellorar a calidade de vida destas comunidades.

Os batey son núcleos de poboación rural creados para concentrar aos traballadores das empresas azucreiras e as súas familias, cando o negocio estaba en mans do Estado dominicano. Pero o Estado vendou as plantacións de caña de azucre a empresas privadas e os traballadores e as súas familias quedaron illados, vivindo en barracóns de madeira, sen acceso a saneamento, auga potable ou luz eléctrica. Moito menos, acceso a educación ou saúde.

O IDAC leva 25 anos traballando nestas comunidades e agora quere reforzar a compoñente de sensibilización e empoderamento comunitario a través de Agareso. Nos batey puidemos comprobar a  inmensa necesidade achegar información á poboación e de que a propia poboación poida expresarse e transmitir as súas inquedanzas, á vez que defenden os seus dereitos.

Así que reunímonos con mulleres dos batey que fan de promotoras de saúde e de equidade de xénero, ao mesmo tempo que estudan e coidan das súas familias para coñecer en que podemos apoialas. Achegámonos aos Centros Tecnolóxicos Comunitarios, instalados polo Estado para facilitar o acceso da tecnoloxías ás comunidades, pero baleiros de contido. As súas emisoras de radio comunitarias son unha gran ferramenta para promover os dereitos humanos, a equidade de xénero e fortalecer a prevención de riscos naturais, que cada ano afectan ao país, pero necesitan de persoas formadas que realicen a programación e emitan contido de utilidade para as comunidades.

As escolas son tamén elemento indispensable na loita contra as desigualdades e a prevención. Así que propuxémoslle a tres centros de educación primaria  dos batey La Balsa, La Cuba e Montecristi, e un de secundaria  de Ramón Santana trasladar a nosa experiencia en Educación en Valores en Galicia ás aulas dominicanas, empregando as novas tecnoloxías, o audiovisual e a radio para promover a reflexión do alumnado, ao mesmo tempo que reciben capacitación para poder lanzar as súas propias mensaxes a través das redes socias e as radios comunitarias.

Coñecemos tamén ao director da Escola de Comunicación da Universidad Autónoma Dominicana, Rodolfo Coiscou,  e a representante da Red de Periodistas con Perspectiva de Género, Isaura Cots. Ambas entidades son aliados imprescindibles para a formación de xornalistas e comunicador@s e a realización de investigación sobre a comunicación para o cambio social.

Así que agora só queda darlle forma a todas estas ideas e datos para poder construír un proxecto innovador, eficaz e comunitario que poida conseguir financiamento. Desexádenos sorte.