Ban Ki-moon sinalou que os abusos contra as mulleres e as nenas inclúen a violación, a violencia doméstica, o acoso no traballo, os abusos na escola, a mutilación xenital feminina e a violencia sexual nos conflitos armados.
Engadiu que iso acontece en todo o planeta, e que de xeito xeral, esa violencia é inflixida polos homes. "Necesitamos promover modelos sans de masculinidade. Precisamos que esta xeración de homes rompa cunha conduta arraigada por xeracións", asegurou.
O Secretario Xeral instou os gobernos e asociados en todo o mundo a que aproveiten a enerxía, as ideas e o dinamismo dos mozos para axudar a poñer fin a esta pandemia de violencia.
Campaña "ÚNETE e di NON á violencia contra as mulleres"
En febreiro de 2008, o Secretario Xeral das Nacións Unidas Ban Ki-moon emprendeu a súa campaña "Únete para poñer fin á violencia contra as mulleres", unha iniciativa multianual encamiñada a previr e eliminar a violencia contra mulleres e nenas en todas as partes do mundo.
A campaña reúne a unha serie de organismos e oficinas das Nacións Unidas para impulsar a acción en todo o sistema das Nacións Unidas co fin de previr e sancionar a violencia contra as mulleres.
A través da campaña, a ONU xunta esforzos cos individuos, a sociedade civil e os gobernos para poñer fin á violencia contra a muller en todas as súas formas.











