Dende a contraparte local, Cordes, informan sobre a situación na zona. As graves inundacións non se deben só a que as chuvias superasen os rexistros do furacán Mitch, senón tamén ao "manexo inadecuado das descargas de auga" dende as presas administradas pola Comisión Executiva Hidroélectrica del Lempa (CEL) ". O caudal do río superou así en máis dun metro e medio o nivel crítico de 6 metros.
"A ausencia dunha política integral de xestión e prevención de riscos está a xerar a destrución da produción agrícola e gandeira, así como a deterioración ambiental e da infraestrutura produtiva, poñendo en risco a xa fráxil seguridade alimentaria das nosas familias, sen contar os efectos na súa saúde física e mental", continúa o comunicado de Cordes.
A ONG salvadoreña impulsa no Baixo Lempa un ambicioso proxecto de desenvolvemento que contempla dende a agricultura orgánica ata a pesca artesanal, pasando pola creación de cooperativas. Un proxecto que ano tras ano se ve afectado por fenómenos naturais cada vez máis desvastadores, debido ao cambio climático.
Ante esta situación, e aínda recoñecendo os esforzos do goberno actual, Cordes reclama unha actuación estratéxica que considere obras de prevención e mitigación en desastres, como é o establecemento de bordas definitivas a ambas as dúas marxes dos ríos Lempa e Aguacate. Demandan tamén sistemas de drenaxe en áreas produtivas e estradas, ademais da pavimentación da pista que une San Carlos coa comunidade de La Pita. Así mesmo, esixen responsabilidades á CEL e a entrega de paquetes alimentarios e agrícolas ás familias afectadas.
En todo El Salvador se declarou o Estado de Calamidade, e a data de hoxe as cifras oficiais falan de 150.000 damnificados, máis de 32.000 evacuados e polo menos 32 persoas falecidas.











