Nestas xornadas, organizadas por COGAMI e a empresa Planning & Proceltha, os organismos e empresas do ámbito da discapacidade aproveitan para presentar os adiantos que hai para mellorar a calidade de vida das persoas que teñen distintos tipos de discapacidade.
A cita conta con conferencias e mesas redondas nas que se abordan a accesibilidade e a novas tecnoloxías; urbanismo, arquitectura e accesibilidade; e as claves do decreto regulador da carteira de servizos sociais, entre outras cuestións. Ademais dos simposios, existe outra parte na que se desenvolven actividades, como a proxección de curtametraxes da Fundación Igualarte e do Centro de Recursos de Cogami-Mos.
A Confederación Galega participa tamén nas xornadas a través de diversas charlas, contando a experiencia que ten dende hai 21 anos traballando a favor do colectivo, ademais de habilitar unha zona de traballos manuais feitos polos usuarios das súas entidades membro.











