Aproveitando a declaración de Save the Children "A primeira Lei do novo goberno, debe ser unha Lei Integral para combater a violencia contra a infancia", AGAMME considera imprescindible a planificación dunha ampla política de remodelación do actual sistema de atención ao Maltrato Infantil. Algúns dos puntos básicos serían, a nivel autonómico:
-A ampliación da lexislación vixente no relativo á infancia e á adolescencia, pois a actual é correcta pero adolece dun baixo nivel de concreción que non a fai aplicable na realidade. Neste sentido proponse a decretación dun Protocolo de Intervención ante o Maltrato Infantil, seguindo a proposta do Observatorio da Infancia do Ministerio de Educación e Política Social e as recomendacións da Unión Europea.
-A implicación das distintas institucións relacionadas, para a mellora da formación dos/das profesionais, tanto no coñecemento da Convención dos Dereitos da Nena e do Neno, como en Maltrato Infantil. AGAMME subliña a urxencia na mellora do servizo do Instituto de Medicina Legal de Galiza (IMELGA), polo seu papel nos procedementos xudiciais, para o cal sería imprescindible o desenvolvemento dunha política orzamentaria por parte da Xunta de Galicia: ampliación do cadro de persoal, establecemento de mecanismos para a selección de profesionais con formación específica, activación da sección de investigación do IMELGA.
-O investimento en investigación sobre Maltrato Infantil, promovendo o estudo científico en aspectos como a psicoloxía forense, etioloxía e epidemioloxía do Maltrato Infantil en Galicia. Estamos a asistir, no noso país, a un retroceso neste sentido, observándose a instauración de teorías pseudo-científicas, non avaladas pola comunidade científica, que están a dificultar a protección da Infancia e a Adolescencia Maltratadas. O verdadeiro coñecemento é a única arma contra esta caste de supersticións e ideoloxías, polo que instamos ás universidades galegas a facer un especial esforzo neste senso.
É por todo isto que AGAMME quere chamar a atención sobre a escasa implicación das institucións co Maltrato Infantil que se traduce en mínimas achegas orzamentarias, e propostas lexislativas superficiais e insuficientes, así como na ausencia de unidades e profesionais especializadas na atención á infancia e adolescencia maltratadas.











