Que é o Foro Social?
O Foro Social "é un espazo aberto de encontro para: intensificar a reflexión, realizar un debate democrático de ideas, elaborar propostas, establecer un libre intercambio de experiencias e articular accións eficaces por parte das entidades e os movementos da sociedade civil que se opoñan ao neoliberalismo e ao dominio do mundo polo Capital ou por calquera forma de imperialismo e, tamén, empeñados na construción dunha sociedade planetaria orientada cara a unha relación fecunda entre os seres humanos e destes coa Terra”. O Foro Social é un espazo de encontro, confrontación de ideas e colaboración dos movementos e persoas, a nivel mundial, que acreditan que outro mundo é posible e, cada día con máis urxencia, necesario.
Programa do Foro
Os actos organizados, cuxo programa aínda non está pechado ao completo, comezarán o día 23 cunha manifestación (organizada polas entidades promotoras do foro) e unha actuación musical.
Ao día seguinte terán lugar as mesas de debate con exposición de dous temas, o primeiro deles xirará en torno ao "Movemento 15-M, que hai de novo? " a participación de Sechu Sende, de Aulas Indignadas, Martinha Suárez, de Acampada Ferrol e Jordi Calvo Rufanges economista e investigador de movementos sociais. O segundo tema de debate xirará en torno ao tema "Son posibles outros medios de comunicación" coa participación de Lois Rodríguez, Belén Puñal e outros dous relatores sen confirmar. Presentará esta mesa Xesús Manuel Díaz Suárez.
Xa pola tarde, falarase sobre "Ferrolterra noutro modelo produtor eenerxético", coa presenza de Xoán Ramón Doldán, Manuel Rivera eIsabel Vilalba, e de "Como podemos frear a perda de dereitos', con Merchi Díaz, Silvia Bermúdez, Xesús Díaz e Vitoria Igrexas.
O último día trataranse as realidades doutros Concellos e da xestión municipal, coa participación do alcalde de San Sadurniño, Secundino García; Martiño Noriega, de Teo e Juan Manuel Sánchez, de Marinaleda (Sevilla). O foro concluirá co debate "Que cousa é vivir ben?, con Tareixa Ledo, Manuel Miragaia e Carlos Fernández.
As mesas e debates irán seguidos de asembleas.
Quen convoca o Foro Social de Ferrol Terra?
O documento convocatorio está asinado por un grupo inicial de entidades que participan no Consello do Foro Social Galego (Marcha Mundial das Mulleres; A.C Fuco Buxán; Colectivo Ártabra 21; Comité Cidadá de Emerxencia para a Ría de Ferrol; Foro Galego de Imigración; Sindicato de Traballadores do Ensino de Galicia). Pero a convocatoria do Foro, será asinada polas organizacións que se sumen a este.











