Un dos sectores da economía onde a crise máis se deixa sentir é o comercio, especialmente no de pequeno e mediano tamaño. Non obstante, as tendas dedicadas a produtos de comercio xusto están a aguantar o temporal e, na situación de dificultade económica, o que sobre todo está a crecer é a concienciación dos clientes ante este tipo de iniciativas.
Segundo os datos oficiais da Coordinadora Estatal de Comercio Xusto, dende o ano 2000 as vendas deste tipo de artigos triplicáronse, pasando dos case 7 millóns de euros os 22,5 millóns de euros en 2010. Dende 2008, ano no que estalou a crise -e no cal se rexistrou unha caída do 2,5 por cento, que resultou ser puntual--, as vendas aumentaron un 33,6 por cento, cunha suba interanual do 7,6 por cento en 2009 e o 24,2 por cento en 2010.
No caso de Galicia, a evolución foi similar, rexistrándose grandes aumentos dende o ano 2000 e ata 2010, cando se percibiu un "parón" no ritmo de crecemento, segundo explica Gonzalo Gesto, de Panxea, unha das organizacións integradas na Comisión de Comercio Xusto de la Coordinadora Galega de ONGD's.
Respecto a este ano, a estimación dende as tendas de comercio xusto galegas é que se manterán as vendas ou mesmo haberá un leve aumento posto que, malia que as de artesanía están a baixar, as de produtos alimenticios -o groso da facturación-- seguen incrementándose.
Ademais, segundo as impresións do propio sector, todo apunta "a que esta tendencia se consolidará en 2012, "apostando así "por manter tamén as vendas "malia o contexto xeneralizado" de caída" en case todos os campos", indica.
CONCIENCIACION
Aínda Que a crise non se está cebando co comercio xusto, si está a ter efectos, como, por exemplo, o tipo de produtos demandados.
O representante de Panxea explica que "unha consecuencia lóxica é que as persoas axusten máis en artesanía, que é algo que non resulta imprescidible, e en cambio si se manteñan fieis á compra de produtos de alimentación", tendo en conta ademais que os clientes teñen un perfil de conciencia social ou ambiental "alto ou moi alto".
Por outra parte, Gonzalo Gesto explica que, á hora de realizar actividades de divulgación ou sensibilización, a actual conxuntura económica "facilita nalgún modo que a xente sexa máis receptiva ao que significa o comercio xusto" e as súas reclamacións: o traballo digno, soldos dignos ou a igualdade entre homes e mulleres, entre outras.
De feito, nun recente congreso organizado por Panxea en Santiago, un representante de organizacións gregas expuxo o espectacular crecemento do comercio xusto no seu país, onde, en plena crise, se multiplicaron exponencialmente o número de tendas e as vendas debido a unha maior sensibilidade dos habitantes.
Ademais, destacou que moitas das organizacións dedicadas ao comercio xusto participaron activamente no movemento 15-M, co que se descubriu un novo perfil de persoas receptivas ao comercio xusto.
E é que hai que ter en conta que, segundo as estimacións da Organización Mundial de Comercio Xusto (en inglés, WFTO) e Fairtrade International, 1,2 millóns de produtores traballan e comercian actualmente con criterios xustos, o que bota unha cifra total de aproximadamente 30 millóns de persoas beneficiadas directa a indirectamente polos efectos do comercio xusto, un sector que nestes momentos move uns 5.000 millóns de euros.
NADAL
Ao igual que o resto de establecementos, os de comercio xusto tamén rexistran subas de vendas por Nadal, nalgunhas ocasións motivados por unha maior receptividade dos clientes a este tipo de regalos nestas datas de celebración. En todo caso, o obxectivo do movemento pasa por lograr un consumo constante durante todo o ano xa que, pola contra, se "caería na trampa de que o comercio xusto sexa só un parche ou algo anecdótico", explica Gesto.
A tendencia que se vén observando nos últimos anos vai nesa liña, encamiñada a ese obxectivo dun consumo estable e con lixeiros repuntes por Nadal. De feito, no caso particular de Panxea, se dende o ano 2000 as vendas nestas festas triplicaban as de calquera outro mes, agora supoñen aproximadamente un 50 por cento máis.
Entre os artigos típicos nestas datas, hai produtos alimenticios de tempada, turróns elaborados con produtos de comercio xusto ou cestas de regalo --as cales se realizan durante todo o ano pero se venden máis durante o Nadal--, e que se destinan tanto a regalo de empresa como detalle para familiares e amigos. Outros produtos que teñen especial acollida nesta época, neste caso entre os Reis Magos, son os xogos educativos pensados para os máis pequenos.
FUTURO E RETOS
A xuízo de Gonzalo Gesto, "a crise non debería supoñer un perigo para os establecementos de comercio xusto, polo menos no referente ás vendas en si". Non obstante, explica que "algunhas organizacións tiveron que redimensionarse pero non tanto no que respecta ás tendas, senón máis ben nas áreas dedicadas a sensibilización ou cooperación internacional.
Neste sentido, atribúe a situación esencialmente a "os espectaculares recortes que as administracións públicas, especialmente a Xunta, realizaron no ámbito, con reducións de partidas á metade ou mesmo coa desaparición dalgunhas delas,".
Os retos de futuro que lle quedan por diante ao comercio xusto pasan pola propia viabilidade das organizacións no actual contexto de crise e os seus posicionamentos fronte a cuestións como a existencia ou non de selos de garantía --e no seu caso de que tipo de selos--, o diálogo coa soberanía alimentaria e a venda de produtos por parte de grandes superficies ou multinacionais.
Ao respecto deste último aspecto, Gesto explica que por agora non existe unanimidade dentro do movemento á hora de posicionarse, e que no caso de Galicia a entrada destes artigos en grandes superficies é aínda "residual" e non se cre que sexan causa do peche de ningunha tenda --segundo un estudo da Xunta publicado en 2007 na comunidade hai 13 establecementos de comercio xusto e outros 11 puntos de venda que entre os seus produtos tamén venden comercio xusto--. En todo caso, advirte de que en países como Francia, onde o proceso está máis avanzado, "si tivo impacto".











