A loita contra a pobreza non pode abandonarse cando a crise máis afecta aos países empobrecidos e aos gobernos deben cumprir os seus compromisos. Nos dous últimos anos e coa escusa da crise, estamos a asistir a un ataque sistemático ás políticas públicas de solidariedade que as Comunidades Autónomas e os Concellos realizan desde a década dos 90. Baixo a consigna de “cumprir coa normativa en materia de estabilidade presupostaria e déficit público”, estanse realizando recortes sociais que afectan directamente ás persoas máis vulnerables.
Desde que se celebraron as eleccións autonómicas en maio, esta situación está tomando dimensións preocupantes que nos levan a alertar sobre o que podemos considerar o desmantelamento progresivo do estado do benestar e en consecuencia, das políticas de cooperación.
A Axuda Oficial ao Desenvolvemento das Comunidades Autónomas só supón, de media, 8 euros por habitante, unha cantidade insignificante ao lado dos 395 euros de gasto militar por habitante contabilizados en 2010.
Non obstante, a redución dos fondos para cooperación levada a cabo nas Comunidades Autónomas en 2010 e 2011 superou aos 160 millóns de euros, un retroceso que pon en grave perigo a realización de proxectos de saúde, empoderamento de mulleres, educación ou alimentación en países empobrecidos. Por outro lado, as iniciativas que fomentan a sensibilización dunha cidadanía comprometida coa xustiza internacional, a defensa dos dereitos humanos e a equidade social e de xénero, vense tamén gravemente prexudicadas. O goberno estatal non estivo á marxe de estes recortes e entre 2010 e 2011 superou os mil millóns de recortes na política de cooperación.
Pero, onde máis queren chamar a atención é sobre o posible empeoramento de esta situación en 2012, tanto a nivel estatal como autonómico, que constituiría o cuarto ano de caída consecutiva. Os borradores de orzamentos dalgunhas CCAA e as declaracións públicas de gran parte dos/as presidentes autonómicos auguran cifras históricas de recortes que levarían á cooperación a cifras de 2005. As previsións sitúan a rebaixa en 70 millóns de euros e aínda non son os datos definitivos.
Desde as 17 Coordinadoras Autonómicas de ONGD fan un chamamento ao novo goberno estatal para que sexa un exemplo de compromiso coa loita contra a pobreza, coa defensa da xustiza e a equidade social. Esixen que non se recorte, aínda máis, a axuda oficial ao desenvolvemento. Chaman ao conxunto de gobernos autonómicos e locais para que continúen desempeñando o papel fundamental que teñen de apoio e estímulo da solidariedade da súa poboación.











