O curso comezará finalmente o 1 de marzo e rematará o 10 de maio na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, coa posibilidade de prácticas sobre o terreo.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2017.- O prazo para inscribirse no Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’ amplíase ata o vindeiro venres, 24 de febreiro, xa que o curso comezará finalmente unha semana máis tarde do previsto, o mércores 1 de marzo. A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) organizan esta formación, na que dúas das persoas participantes terán a oportunidade de desprazarse a Marrocos para traballar con ONGD.

As aulas desenvolveranse os mércores, en horario de 16 a 20 horas, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e rematarán o 10 de maio. A actividade vai especialmente dirixida tanto a estudantes de xornalismo como a profesionais en activo, se ben está aberta a persoas de calquera eido. O custo da matrícula é de 100 euros e a inscrición pode formalizarse no enderezo electrónico seminario@agareso.org.

O Seminario arrincará cunha introdución á comunicación para o cambio social e á cooperación para o desenvolvemento, así como á cooperación cultural e ao Terceiro Sector en Galicia, para o que se visitará un proxecto in situ. O programa inclúe tamén unha sesión sobre audiovisual comprometido e outra sobre boas prácticas no tratamento gráfico, tanto no Norte coma no Sur, da que se encargarán os reputados fotoxornalistas José Lamarca e Mingo Venero, este último gañador entre outros do Premio Revela e do Gea Photowords.

Entidades como a Rede Galega contra a Pobreza (EAPN), a Fundación Secretariado Xitano, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) ou a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) presentarán as súas guías de estilo para xornalistas á hora de abordar estes colectivos en risco de exclusión. Tamén a Coordinadora Galega de ONGD exporá as súas recomendacións para informar sobre os países do Sur e mesmo nos chegarán testemuños directos da República Dominicana, así como conexións por videoconferencia con radios comunitarias de Centroamérica. Os estereotipos de xénero que aínda hoxe se reproducen nos medios serán outra das cuestións a analizar.

Cando menos dúas das persoas asistentes ao VII Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’ completarán a súa formación durante unha semana en Marrocos. Alí traballarán no eido da comunicación sobre os diferentes proxectos promovidos na zona por ACPP e os seus parceiros locais en áreas como a saúde, emigración, xénero, medio ambiente ou educación.

O obxectivo do Seminario é capacitar xornalistas e futuros xornalistas na comunicación para o cambio social, de xeito que contribúan co seu labor a erradicar prexuízos e favorecer a inclusión.  O VII Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’ conta con financiamento da Xunta de Galicia.