Na segunda xornada do IX Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional quixemos resaltar a importancia da Cooperación Internacional e a Acción Humanitaria, piares fundamentais no mundo actual.

Durante a primeira sesión, Alejandro Quiñoá, delegado de ACPP en Galicia, asentou os coñecementos teóricos e históricos da Cooperación Internacional. Após a II Guerra Mundial é onde nace, na Conferencia de Bretton Woods, a separación do mundo en dous bloques antagonistas: por un lado, a parte soviética, liderada pola URSS; e por outro lado, o mundo capitalista dominado polos EEUU. Asemade, destacou a aparición do concepto de “Terceiro Mundo”.

Desenvolvendo estes coñecementos mediante pequenas intervencións de discursos coma os de Truman ou Nikita Khrushchev, as asistentes a esta xornada puideron coñecer a evolución da Cooperación Internacional coma os procesos de descolonización durante a Guerra Fría. Nun primeiro momento, esta cooperación foi de carácter asistencialista e despois naceron o que hoxe coñecemos como ONG´s (Organización Non Gubernamental) para o desenvolvemento. Unha base sólida para comprender a situación actual da cooperación.

A segunda sesión veu tamén da man de ACPP e do seu xogo En busca do desenvolvemento, con Ramiro Gómez Salgado, onde as asistentes tiveron no seu poder o futuro dun continente e tiveron que procurar a mellora deste, segundo ía pasando o tempo.