Esta primavera ofreceremos -un ano máis- unha formación práctica gratuíta, de 8h homologables para docentes do sistema público de educación, en Narrativas dixitais para traballar a Educación en Valores e a Educación para o Cambio Social nas aulas. Exploraremos as narrativas contemporáneas e descubriremos o seu potencial comunicativo, así como para fomentar a reflexión colectiva en entornos educativos. Coñeceremos estratexias e boas prácticas para introducir apps, multimedia e redes sociais no traballo con contidos ao redor da xustiza social, a inclusión, a sustentabilidade, a convivencia e o desenvolvemento. Será o sábado 16 de marzo de 2019, en horario de 10h a 14h e de 16h a 20h, na Unitaria de Santiago de Compostela. Só hai 25 prazas e teñen prioridade as e os docentes de secundaria e bacharelato en activo, de todo os corpos e especialidades e para preinscribirse só hai que cubrir este sinxelo formulario.

Competencias profesionais
Educador/a guía no proceso de ensino-aprendizaxe. Acción titorial e atención á diversidade
Membro dunha organización. Xestión e promoción de valores e convivencia, compromiso persoal e ético
Investigador/a e innovador/a. Investigación formativa. TAC. Alfabetización mediática e informacional

Educomunicación e competencia mediática como elementos transversais no ensino: características do modelo comunicativo, de consumidores a prosumidores, aprenidzaxes P2P e educación expandida, rol docente na contorna dixital.
Narrativas dixitais: memética e viralidade, vinculación emocional, aprendizaxe significativa, folclore e cultura popular.
Integrar as app na aula para a educación en valores: memes e gifs contra o racismo, dobraxes pola igualdade de xénero, textos animados e comunicación en positivo, contrapublicidade e comunicación alternativa en favor da xustiza social.
Exemplos de boas prácticas: análise de unidades didácticas do proxecto EpdLab. Recursos empregados, temporización, materiais necesarios, dificultades e oportunidades.
Práctica de integración das ferramentas multimodais nunha unidade didáctica: deseño grupal, seguemento e avaliación da mesma.

Importante (aínda que non imprescindible), traer teléfono móbil con capacidade para facer fotos e gravar vídeo.