Ábrese o prazo de inscrición ao Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional que este ano celebra a súa décima edición e xa é un referente da comunicación para o cambio social en Galicia.

O X Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional impulsado polas ONG’s AGARESO (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social) e ACPP (Asemblea de Cooperación Pola Paz) xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, trata de mostrar as distintas estratexias, perspectivas e axentes que operan no ámbito da comunicación social e a cooperación internacional. Está dirixido a traballadores e traballadoras do sector da ONG’s e do mundo do voluntariado ou do sector asociativo, profesionais dos medios de comunicación e estudantes de xornalismo ou comunicación audiovisual. O obxectivo é visibilizar a importancia da comunicación como ferramenta para o cambio social, xa sexa a través do sector da ONG’s ou o dos Medios de Comunicación coas súas distintas ferramentas (radio comunitaria, documental, fotografía, etc.).

En anos anteriores, participaron no Seminario relatores da talla de Lucía Mbomio (xornalista de TVE e activista afro), Gabriela Sánchez Iglesias (responsable da sección Desalambre en eldiario.es), Antonio Pampliega (xornalista especializado en zonas de conflito)ou os fotógrafos Pepe Lamarca e Mingo Venero. Todos eles profesionais en activo e cun marcado perfil social. Algúns dos seus testemuños poden atoparse no anuncio da IX edición.

Durante as dez sesións que abarca o Seminario trataranse temáticas transversais como o enfoque de xénero, o discurso do odio, o xornalismo e os dereitos humanos, a cooperación internacional, experiencias de ONG’s en terreo, teatro da oprimida, o terceiro sector en Galicia, audiovisual comprometido, a fotografía social e a radio comunitaria, alternando sesións teóricas e prácticas. Aínda que o fío condutor é a comunicación, non é necesario ter formación específica neste ámbito, xa que se terán en conta os distintos perfís profesionais das persoas asistentes para conformar os grupos de traballo. Ademais, de maneira gratuíta, dúas das persoas participantes no Seminario poderán realizar unhas prácticas en terreo durante unha semana para completar a súa formación. Neste link podedes ver un resumo da viaxe a Marrocos co alumnado da novena edición.

A primeira sesión terá lugar o mércores 4 de marzo e continuará cada mércores (excepto o de Semana Santa) até o 13 de maio, de 16h a 20h na Facultade de CC. da Comunicación da USC. O custo da matrícula é de 100€.

Se necesitas máis información contacta con Antonio Grunfeld no correo escolasenracismo@agareso.org ou no móbil 626419502.