O 25% das nenas, nenos e adolescentes galegos está en risco de pobreza. Máis de 100.000 nenas, nenos e adolescentes en Galicia padecen cada día as consecuencias da falta de recursos, conflitos familiares, inseguridade ou mesmo violencia. Na escola, estes problemas adoitan pasar desapercibidos, pero poñen en grave risco o seu benestar e o seu futuro: o 70% do alumnado máis desfavorecido abandona os estudos prematuramente. Esta circunstancia impídelles aprender en igualdade de condicións e lastra enormemente as súas oportunidades de futuro. É necesario xerar conciencia social sobre a necesidade de incorporar políticas e modelos de equidade educativa que permitan compensar as desvantaxes que afronta unha parte moi importante das nenas e nenos na etapa escolar.

Neste contexto, xorde A tribo, unha intervención integral que iniciamos man a man con IGAXES coa intención de fortalecer as capacidades das e os mozos tutelados e/ou en risco de exclusión social para afrontar a súa vida sen o apoio familiar, tanto desde o ámbito educativo como psicosocial. Para facelo, contaremos co apoio da Fundación laCaixa, a través da convocatoria de Interculturalidad y Acción Social.

O obxectivo do proxecto é contribuír á loita contra os estigmas que afectan aos rapaces e rapazas tuteladas polo Estado, fomentar un sistema educativo inclusivo que realmente os/as apoie e dotalos/as de ferramentas que lles permitan loitar polos seus dereitos. Os e as mozas son axentes de cambio e a comunicación será a súa ferramenta. Xunto a elas/es, queremos interpelar a cidadanía, xa que que as cousas cambien para os mozos en risco de exclusión é responsabilidade da tribo.

Axiña vos contaremos máis detalles deste ilusionante proxecto.