Un día de 2012 en un pueblo de Siria me cambió. Llegamos a un funeral de un niño y allí se encontraba una señora que parecía ser la abuela. Me arrepentí en aquel momento de fotografiarla. Sin embargo, cuando todo acabó se acercó a nosotros, me besó las manos y me dijo: “Voy a rezar por vosotros para que salgáis del país con vida y contéis cómo nos están matando”, Antonio Pampliega.

Escuridade na aula e nas expresións dos asistentes. O visor a través do cal podían ser testemuñas da crueldade da guerra non serviría, como explicaba Antonio Pampliega falando sobre as súas experiencias en zonas de conflito, como parapeto para non afrontar a realidade. Alumnas e alumnos víanse sorprendidos polo propio asombro que as imaxes e historias que traía ás costas o xornalista lles causaran nesta sexta sesión do IX Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional. Unha xornada dura, intensa e con inesperados golpes dunha realidade cruel, silenciada e descoñecida.

Antonio Pampliega, xornalista especializado en zonas de conflito, protagonizaba a sesión sobre comunicación de guerra que comezaba con poucas palabras e as miradas centradas no proxector. Imaxes de combate e hospitais sen censura impactaban a estudantes e profesionais do mundo da comunicación e cooperación, os que nunca tiveran acceso a esta realidade en bruto. Pampliega adicou a primeira metade da sesión a achegar aos asistentes a vida dos países e conflitos dos que fora testemuña a súa cámara. Así, explicou a importancia do comunicador á hora de denunciar, facendo fincapé, sen embargo, no respecto á vítima como criterio fundamental á hora de publicar. Nesta liña, engadiu críticas aos métodos de traballo e criterios de selección de medios destacados por falta de calidade, respecto, empatía, e abundancia de morbo.

Ao outro lado da aula, os alumnos continuaban sen parpadeos. A enteireza que amosaba o xornalista sorprendía a moitas das novas promesas, aínda que Pampliega respondía ó seu asombro explicando que, volvéndose inmune o xornalista, as súas fotografías deixarán de transmitir. Polo tanto, explicaba, a empatía é un valor fundamental tanto no seu traballo como na propia sociedade receptora deste contido. Porén, o madrileño lamentábase afirmando que esta era unha das maiores carencias de Occidente que ademais desemboca na propia inacción.

Siria, Afganistán, Somalia, Sudán del Sur ou Haití, entre outros moitos destinos, foron os protagonistas de historias ás que Antonio Pampliega puido dar voz durante esta tarde de mércores na Facultade de Ciencias da Comunicación, Un infrecuente silencio por parte dos asistentes dominou gran parte da sesión, deixando paso a realidades que algún día confiaron nun comunicador como único indicio de esperanza.

Crónica: Uxía P. Fieiras
Fotografías: Marcos Fernández