O pasado luns comezaron o curso 148.144 estudantes en Galicia. O 25% destas rapazas e rapaces padecen cada día as consecuencias da falta de recursos, conflitos familiares, inseguridade ou mesmo violencia. O 70% dese alumnado máis desfavorecido abandonará os estudos prematuramente. O Concello de Santiago de Compostela acolleu esta mañá a presentación da campaña de difusión “De maior quero ser coma ti”, que forma parte dun proxecto integral deseñado polas ONGs galegas AGARESO e IGAXES, co apoio de Obra Social “la Caixa” e do propio Concello, para amosarlle á sociedade as desvantaxes que afrontan os nenos e nenas en situación de vulnerabilidade social e para reclamar políticas e modelos de equidade educativa que compensen o efecto destas desvantaxes durante a etapa escolar.

Lorena Seijo, coordinadora de AGARESO, explicou que a campaña de sensibilización “De maior quero ser coma ti” forma parte do proxecto A Tribo, que ofreceu reforzo escolar a 22 rapaces e rapazas en risco de exclusión durante o pasado curso e mais obradoiros de educomunicación nos institutos aos que asistían estes mozos e mozas, para reflexionar conxuntamente co resto do alumnado sobre as dificultades extraordinarias que afrontan os compañeiros e compañeiras en situación de desvantaxe social e económica e as políticas de equidade que serían precisas para contrarrestalas.

Estas actividades compleméntase, co comezo dun novo curso, cunha campaña de sensibilización na que as e os protagonistas lles explican ás comunidades educativas o que representa para elas e eles inequidade e recordarlles que é necesario que todos como sociedade contribuamos a combatela. Ihara, Gaby, Pablo e Isma cóntalles dende os cartaces que se poden ver xa por toda a cidade e nos principais IES da comarca aos profesores e ás familias dos seus compañeiros que de maiores só queren ser coma eles e elas, coma nós, demostrar que son capaces, sentirse valoradas, ter as mesmas oportunidades cós demais. E explícanlles, explícannos, que é responsabilidade de toda A Tribo loitar contra os estigmas que lles impiden conseguilo.
Noa Díaz, concelleira de Educación de Santiago de Compostela, asegurou na presentación da campaña que esta primeira colaboración do Concello coas entidades organizadoras do proxecto está en liña cun dos obxectivos para os próximos anos no departamento que coordina: traballar pola equidade educativa. Carlos Rosón, director de IGAXES, recordou que é imprescindible “romper o estigma” que sofren as e os adolescentes en situación de vulnerabilidade e abundou na importancia de “adicar máis recursos a aqueles que máis o necesitan”. Anxo Pérez, responsable de comunicación en Galicia de “La Caixa”, recordou o compromiso da entidade cos colectivos máis desfavorecidos e destacou a potencialidade da comunicación como ferramenta de cambio.
Asistiron tamén, á presentación, Pablo Cabarcos e Ismael García, dous dos protagonistas da campaña, que arrincou a comezos de ano, cando 22 rapazas e rapaces de entre 14 e 23 anos en situación de vulnerabilidade social idearon e gravaron tres curtas que reflicten as dificultades ás que se enfrontan día a día, as consecuencias das malas decisións ou a responsabilidade que ten o resto da sociedade na solución dos conflitos que lles afectan. “Parece que a xuventude está durmida, apagada, que non podemos pensar por nós mésmos”, dixo Gabriela Sánchez na estrea pública das pezas audiovisuais, que están dispoñibles en youtube, “pero quizais non é así, igual se nos dan a ferramenta para expresarnos, podemos demostrar que a xuventude non é tan baleira e banal, que hai partes do sistema no que vivimos que non nos gusta e que temos ganas de cambialo, que podemos cambialo.”
A Tribo é unha intervención integral deseñada para fortalecer as capacidades das e os mozos en risco de exclusión, tanto desde o ámbito educativo como psicosocial, e loitar contra os estereotipos que parte da sociedade ten aínda por certos, como que a mocidade tutelada estea nun centro de protección por facer algo malo ou que alumnado con dificultades nos estudos non teña vontade de aprender. Estereotipos que, cando afectan a persoas que xa parten dunha situación vulnerable, poden chegar a converterse nun estigma moi doloroso. A Tribo quere reverter ese estigma e amosar as enormes capacidades destas mozas e mozos, o seu talento, a súa creatividade e a súa capacidade de esforzo e de análise da realidade.