"O terrible escondedoiro do cartel de cartón engurrado e escrito cunha caligrafía irregular, exposto en plena rúa, é unha das tantas consecuencias dun mal trato ao Estado do Benestar. Utilizar este envexable sistema para medrar individualmente e acumular os máximos recursos económicos e materiais posibles, non se sabe moi ben para que?, é unha epidemia sen terapia de choque coñecida ata o momento.
Facer un uso perverso dun modelo que garante necesidades tan básicas para o desenvolvemento individual e colectivo como a sanidade, educación ou servizos sociais non ten unha xustificación posible no mercado da escusas... O fermoso criterio de humanizar unha sociedade comeza a camiñar cara ao abismo. A ese lugar onde non se ve o final do precipicio porque "esta todo moi escuro".
Ao contrario que o pasado, moi fecundo para sementar os campos das ideas cos dereitos humanos como base de calquera estilo de convivencia, o presente convive escravizado a uns indicadores económicos e financeiros. Ultimamente, víuselle soportando unha molesta etiqueta no colo cos altos prezos que supón viaxar aos distritos da xustiza social ou igualdade de oportunidades.
En cuestión de poucos anos "as boas convertéronse en malas ideas". Nada ten sentido porque de inmediato sae con depurada entoación a palabra 'recorte'. Ese gran compañeiro de aventuras e inseparable amigo da 'crise' que tamén está omnipresente en todos os espazos e accións: "Convertida na incisiva canción que a forza de escoitala, ata aburrir, pasa a formar parte da discoteca particular dun/ha".
Le o post completo no blog Referencias.






