Ao bo de Tobin e á súa taxa, lévano mareando desde fai case corenta anos. Por unha parte deostada polas filas máis liberais e por outro potenciado polos sectores máis solidarios. Como é coñecido por todos, estes últimos non lograron impor os seus criterios e o resultado estámolo sufrindo en forma de crise económica. Lembremos que a Taxa Tobin consiste en aplicar unha pequena taxa de 0,1% a 0,25% sobre as transaccións de divisas para penalizar soamente as operacións puramente especulativas de ida e volta a moi curto prazo entre moedas, e non aos investimentos
Esta última aparición da Taxa Tobin víñase mascando desde facía un tempo. Xa en verán do pasado ano e desde Gran Bretaña, o presidente da Autoridade de Servizos Financeiros do Reino Unido, que é o máximo órgano regulador do sistema bancario británico, propuxo á comunidade financeira a aplicación da Taxa Tobin para reducir o tamaño, e consecuentemente o risco, do sector bancario das nosas economías. Curioso, sobre todo vindo de onde viña.
Que isto se anuncie no marco da reunión na que se analiza o cumprimento dos ODM, soa máis a cortina de fume, a boas intencións e a palabras fáciles que enchen portadas pero que en dous días se esquecerán. E esquécense non só pola opinión pública, senón polos líderes que o defenderon. A razón é doada, neste momento nos despachos dos gabinetes económicos hai asuntos máis urxentes e importantes que o financiamento de programas de desenvolvemento. E por outra banda é moi difícil explicar á opinión pública que mentres os recortes orzamentarios son xeneralizados, estas partidas mantéñense. No caso de España, é indiscutible que é o estado que máis aumentou a súa axuda oficial ao desenvolvemento, pasando do 0,2% ao 0,45% do PIB. Pero como contrapartida na presentación das medidas urxentes de redución do déficit público recórtanse 800 millóns de euros en 2010 e 2011.
A realidade hai que afrontara tal como é e no contexto económico no que nos movemos, pensar nun aumento de fondos é como mínimo pecar de inocencia. Por outra banda con boas intencións, grandes palabras e promesas de mellora non se van a acadar os ODM. Porque somos algo utópicos pero non cegos.











